Foz, 23 de xaneiro de 2015.- O BNG de Foz proporá ao pleno da corporación municipal unha moción para resolver os problemas de tráfico e a ordenación do mesmo nas vías urbanas do Concello tanto no que respecta a persoas como a vehículos.
O BNG de Foz, á falta dunha ordenanza específica que regule os aspectos relacionados coa mesma dentro do municipio, ve necesario tomar medidas urxentes que corrixan e melloren no noso Concello unha serie de deficiencias que se arrastran desde hai tempo en canto ao tráfico viario.
Entre estas medidas a corrixir podemos citar algunhas como:
– Repoñer e/ou amañar as sinais de tráfico e informativas pois sen unha boa sinalización é imposible circular con seguridade.
– Revisar e controlar os vados do Concello. Poñer pracas homologadas con nº de licenza troquelada e escudo municipal. Establecer unha ordenanza reguladora dos mesmos e ter un rexistro de vados autorizados. E por suposto poñer ao día os vados que non paguen porque non so están ocupando unha praza de aparcamento senón que están evadindo un imposto municipal que é obrigatorio.
– Revisar e adecentar os aparcamentos públicos, especialmente os cedidos por particulares (vallas estéticas con sinalización correcta).
– Eliminar aparcamentos ao lado de cruces perigosos. Vixiar máis estes puntos negros da circulación sancionando ás persoas que incumpran as prohibicións.
– Asfaltar de novo os tramos das vías públicas principais máis danadas.
– Eliminar as barreiras arquitectónicas que existan e amañar as beirarrúas que non están en condicións ou que teñen furados por falta de baldosas porque provocaron xa numerosos accidentes de persoas que caeron.
Por todo isto, o BNG de Foz insta ao alcalde e ao Grupo de Goberno a elaborar un PLAN DE TRÁFICO para corrixir, mellorar e regular o tráfico de vehículos e persoas no Concello de Foz.