Foz, 2 de xaneiro de 2015. O concelleiro de Cultura de Foz fixo este venres un balance moi positivo do Ciclo de Teatro de Outono nas Parroquias, unha iniciativa que se puxo en marcha no outono de 2013 e que logrou mellorar os seus datos de público no 2014. Ánxel Paleo explicou que a iniciativa pretendía achegar o traballo escénico das catro compañías de teatro afeccionado que existen en Foz polas oito parroquias que forman o municipio. O concelleiro agradeceu a participación desinteresada dos grupos teatrais A Adala de Fazouro, Axóuxeres de Vilaronte, O Batán de Cangas e Pico do Castro de Foz, e adiantou que o Concello xa está a traballar para organizar unha nova edición de teatro nas parroquias na primavera deste novo ano 2015.
Ánxel Paleo sinalou que “este ciclo de Teatro de Outono nas Parroquias deu comezo no outono do ano 2013 nas oito parroquias que forman o concello, ademais do barrio de Marzán. A finalidade era achegar á xente das parroquias as artes escénicas das catro compañías de teatro afeccionado que temos no concello. O éxito desta iniciativa foi total, logrando encher de xente cada un dos locais das diferentes asociacións de veciños e incrementándose aínda máis este pasado outono. Por iso o Concello vai a seguir apostando por esta iniciativa nos vindeiros anos e incluso estamos a traballar coas compañías de teatro para poder facela tamén na vindeira primavera. O concelleiro de Cultura quixo ademais agradecer ás catro compañías de teatro participantes neste ciclo “a súa disposición en todo momento para poder levar a cabo esta iniciativa, xa que o fixeron de forma altruísta”.