Ribadeo, 2 de xaneiro de 2015. Un paxe real está a recibir na xornada deste venres, e tamén este sábado 3 de xaneiro e o domingo 4 ós nenos e ás nenas que queiran deixarlle as súas cartas ou as súas inquedanzas sobre os Reis Magos. O paxe real atópase na entrada do Cine Teatro, en Ribadeo. Trátase dunha das actividades da campaña de Nadal de Acisa.
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo sorteará na súa 4ª Festa do Comercio 1.500 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados ata finais do mes de xaneiro. Todas as persoas que realicen as súas compras en Ribadeo ata o 9 de xaneiro recibirán papeletas para entrar no sorteo que terá lugar o día 10 de xaneiro ás 20 horas no Cine Teatro.
Haberá un premio de 500 euros, un premio de 400 euros, outro de 300 euros, un premio de 200 euros e outro de 100 euros. Desde a directiva de Acisa lembran que “para ter dereito aos premios será necesario estar presente no sorteo e levar a papeleta premiada”. Tamén indican que “as papeletas deben levar o selo dos establecementos que as reparten, e a matriz debe quedar en poder do local en cuestión, xa que son esas matrices as que se meten no bombo para entrar no sorteo”.
Acisa anima a ribadenses e visitantes a realizar as súas compras de Nadal en Ribadeo “porque hai 1.500 euros en premios para agasallar á fiel clientela dos establecementos comerciais e hostaleiros da nosa vila”.