Santiago, 18 de febreiro de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego negouse a aceptar esta tarde, na sesión celebrada da Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, unha emenda do Grupo Popular na que se comprometían a pedir ao Goberno de España que analizase a modificación do actual modelo de taxas para as embarcacións da pesca de baixura e así avanzar nunha maior proporcionalidade cos ingresos que se obteñen.
Os populares eran favorables a seguir avanzando nunha adaptación destes pagamentos á actividade real do sector e ao contexto económico de crise e, nesa liña, lembraron os esforzos que neste mesmo sentido veñen realizando institucións como Portos de Galicia ou o Ministerio de Fomento, que rebaixaron algunhas delas ata nun 90 por cento.
Neste sentido, o portavoz de Mar, José Manuel Balseiro, lembrou que Portos de Galicia xa reduciu en 2010 as súas principais taxas e que entre 2010 e 2014 estiveron conxeladas. A maiores, na presente anualidade, os orzamentos do ente público autonómico promoven unha nova redución, a segunda rebaixa co Partido Popular no Goberno. Un comportamento similar adoptou Fomento, rebaixando tamén varias taxas portuarias.
Pesca de sardiña co xeito
Por outra banda, en relación cunha iniciativa de Alternativa Galega de Esquerdas sobre o sector do xeito, os populares explicaron que tanto a Xunta como o Partido Popular cumpriron os compromisos adquiridos con estes profesionais, que poden observar como o plan de xestión da sardiña para o ano 2015 reserva, tal e como sempre demandaron, unha cota específica e exclusiva para que poidan pescar sardiña con esta arte.
En contraposición coa postura mantida por AGE, Balseiro aclarou que as 200 toneladas reservadas para o xeito superan a cantidade que este segmento de flota pescou como media anual nos últimos 10 anos. Achegando datos lembrou que entre 2004 e 2014 a media das vendas de sardiña dos buques despachados a xeito foi de preto de 179 toneladas, unha cifra inferior á cota asignada para este ano.
Por outra banda, Balseiro puxo en valor a visita do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a Bruxelas, “que foi decisiva para corroborar a postura do comisario favorable a que siga sendo unha arte legal”. Insistiu en que atopar esta solución foi posible grazas ao valor dos informes que a Xunta presentou, cando nin AGE, nin BNG, nin PSOE sabían que era o xeito