Burela, 5 de febreiro de 2015. A Concellería de Servizos Sociais de Burela informou este xoves de que se mantén aberto o prazo para a solicitude de tres novas dedución no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). Tal e como explicou a responsable desta Concellería, Diana Durán, “estas deducións van dirixidas a familias numerosas, familias que teñan descendentes con discapacidade e familias con ascendentes con discapacidade. As deducións faranse efectivas na declaración do IRPF do exercicio 2015, a presentar xa no 2016, se ben poderá solicitarse o seu abono anticipado con carácter mensual”.
Os interesados poden recibir máis información sobre os trámites de solicitude achegándose á sede dos Servizos Sociais de Burela, situados na Casa do Concello. O prazo de entrega de documentación mantense aberto dende o pasado 3 de febreiro e as solicitudes poden efectuarse por vía electrónica, no teléfono 901 20 03 45 ou en calquera oficina da Axencia Tributaria.