A Mariña, 17 de marzo de 2015. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña apoio as demandas dun grupo de nais de Burela que reclaman mediante unha recollida de sinaturas a substitución por xubilación da pediatra no centro de saúde de Burela, neste momento cuberta por facultativo de familia no lugar de facelo por unha persoa especialista. Desde a Plataforma apuntan que o problema existente en Burela pode estenderse a outras localidades da comarca e poñen o exemplo do Centro de Saúde de San Cibrao cun especialista compartido con Xove que ten previsto traslado, a saturación de cupos en Foz que tamén atende O Valadouro, e a falta de cobertura de baixas nos centros de saúde de Viveiro e Mondoñedo por poñer algúns exemplos.
A Plataforma apoia a recollida de sinaturas das nais de Burela que reclaman a substitución por outra persoa especialista dunha pediatra de Burela xubilada recentemente porque, sen ter ningunha obxección pola atención prestada pola profesional de familia que cubriu a baixa, non é de recibo que este servizo non sexa atendido por especialistas. Afirman ademais que a outra pediatra que presta servizo no centro de saúde de Burela debe desprazarse a Barreiros tódolos días a cubrir un cupo de 200 cartillas cando xa ten mais de 1.000 en Burela.
Desde a Plataforma pídenlle ao alcalde de Burela que en lugar de actuar como acompañante para cubrirlle as costas á conselleira de sanidade cando está de visita en Burela, que faga o seu traballo defendendo os intereses da veciñanza que para iso foi elixido.
A Plataforma denuncia o deterioro por falta de profesionais de pediatría deste servizo na Mariña, con exemplos como a posíbel perda por traslado do servizo de pediatra que atende conxuntamente os centros de saúde de San Cibrao e Xove onde, de seguir os mesmos criterios que en Burela, perderíase o servizo de especialista. Consideran difícil de asumir o exceso de cupo da pediatra de Foz que asume tamén os concellos de Alfoz e O Valadouro cando ademais ten concedida redución de xornada, ou a falta de cobertura de baixas dos dous pediatras que prestan servizo no centro de saúde de Viveiro e a cobertura parcial da baixa da pediatra de Mondoñedo, neste momento moi próxima á xubilación.
O colectivo na defensa da sanidade pública na Mariña apoiou coa súa presenza, a demanda deste grupo de nais de Burela, chamando a atención sobre o problema diante do Centro de Saúde da localidade. Afirman que este é un motivo mais para acudir apoiar a manifestación convocada para este xoves ás oito da tarde diante do Hospital da Costa.