Ribadeo, 4 de marzo de 2015. Acisa Ribadeo ven de presentar diante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza alegacións ao plan de conservación do monumento natural das Catedrais. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos pide unha serie de melloras nas escaleiras de baixada á praia e que se incremente a vixilancia no acceso a determinadas zonas co obxectivo de evitar que se poidan producir accidentes.
Nas súas alegacións Acisa tamén se refire ao procedemento proposta para a distribución das entradas/pases que permitan visitar a praia: “non cremos que iso vaia evitar as aglomeracións. Consideramos que non se exerce un control sobre o usuario, co que se prevé un posible foco de desinformación e caos. Desde Acisa Ribadeo propoñemos, a parte da canle de control establecido pola Xunta (a web), a posibilidade de distribución de entradas desde entes públicos sitos en Ribadeo, como a oficina de turismo ou outro lugar que se considere pertinente para ese fin, e desde os hoteis e restaurantes da localidade e/ou adheridos á nosa asociación”.
Segundo a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo “esta medida, que pretende asociar a vila de Ribadeo ao areal, conlevaría o establecemento dun sistema de autobuses lanzadeiras que realmente alixeiren a afluencia de coches no aparcamento da praia. Esta posibilidade tamén plantexa a oportunidade de ofrecer un servizo de guía incluído nas lanzadeiras, posibilitando xestionar os recursos humanos dun xeito óptimo, evitando posibles desastres e confusión ante as aglomeracións”.
Outra das medidas proposta por Acisa “e non excluinte, sería a do cobro polo servizo de vixilancia e aparcamento, posto que un aparcamento no que vaian confluír 4.967 persoas pode resultar un lugar conflitivo”.
E engaden que “no referente ao acceso á zona da praia, consideramos escasa a súa regulación a nivel de infraestruturas, considerando como de alta prioridade a reestruturación das escaleiras de acceso á praia. Deberíase posibilitar a marcha en dúas direccións, subida e baixada, separadas, quizais, por una varanda. E a vixilancia e/ou guía do usuario, considerando a perigosidade patente no acceso a certas zonas do paseo”.
Acisa cre “moi convinte a revisión das estratexias do plan de regulación do monumento natural da praia das Catedrais: propoñendo outras posibles estratexias, como as aquí plantexadas, que axuden a regular o acceso ao monumento á vez que impliquen á comarca á que pertence”.