Ribadeo, 4 de marzo de 2015. A Asociación de Profesores Técnicos e de Ensino Secundario de Automoción de Galicia, que preside o ribadense Álvaro Doural, realizará tres saídas formativas á República Checa, Alemaña e Italia ao longo das vindeiras semanas. A primeira terá lugar o 22 de marzo.
Doural explica que “dentro da convocatoria do programa Erasmus+ a asociación ten aprobado un proxecto que se chama Aprender a aprender na formación profesional, que consiste en tres saídas formativas de 38 profesores en total a Alemaña, Italia e República Checa. A finais deste mes de marzo será a primeira delas, á República Checa, e despois a primeiros de maio a Alemaña e a primeiros de xullo a Italia”. Serán 12 os profesores de Galicia e de Asturias os que viaxarán á República Checa para ampliar a súa formación. De Ribadeo a esa cita acudirá un mestre.
O presidente de Apaga indica que “o obxectivo destas xornadas de traballo, que son de 7 días no país de acollida, é facer visitas a empresas, especialmente aos seus departamentos de formación; a centros educativos; a institucións como cámaras de comercio, departamentos de empresas dedicados a emprendemento e todo ese tipo de accións de nivel formativo. O que se pretende é coñecer novos sistemas educativos e de xestión, as relacións que hai entre as empresas e os centros educativos e aquí xoga un papel importante coñecer como funciona o sistema de formación dual naqueles países onde xa está en marcha, xa que nestes momentos se está implantando aquí, no noso país. Tamén é importante establecer contactos para a mobilidade de alumnos. Este proxecto é un acordo con 9 centros educativos de Galicia, de Murcia e de Navarra”.
Álvaro Doural manifesta que “esta iniciativa forma parte dun plan estratéxico da asociación para internacionalizala. A finais do 2014 rematou o proxecto Innovación e Formación, que tiña unha estrutura similar, con saídas a Francia, Romanía e Polonia. E cos plans do 2016 está previsto un novo proxecto, denominado Coñecemento e Innovación na Formación Profesional, que nos permitirá realizar visitas a Estonia, Croacia, Portugal e Italia e están programadas estancias formativas de profesores en empresas e centros educativos”.