Burela, 27 de marzo de 2015.- No pleno celebrado este xoves no Concello de Burela foron aprobados os orzamentos municipais para 2015 que ascenden a 6,5 millóns de euros e que inclúen unha baixada de impostos do 3,6% (de media). Na sesión tamén se aprobou a cesión dunha vivenda a Bumei para destinar a piso de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero. O alcalde, José Mª González Barcia, criticou que os partidos da oposición non apoiasen esta medida, polo que dubida do seu compromiso en materia de loita contra a violencia de xénero. No pleno tamén quedou aprobado o plan de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
O rexedor explicou que “no pleno ordinario que se celebrou onte no Concello de Burela aprobamos cos únicos votos favorables do PP os presupostos municipais para este ano 2015. Resulta sorprendente que tanto o grupo socialista coma o grupo mixto voten en contra de baixada de impostos que trae consigo este presuposto, porque a baixada de impostos é unha media de aproximadamente un 3,6% e vai representar que queden nos petos de cada habitante de Burela, non de cada contribuínte, 14,50 euros e ademais tamén quedará nos seus petos a cantidade na que se podería incrementar a contribución urbana. Cremos que é unha boa medida, igual non é moito o que se aforra, pero menos da unha pedra e é moito mellor que baixen os impostos, aínda que sexa pouco, que non que suban”.
Os presupostos de 2015 ascenden a 6,5 millóns de euros: “hai un pequeno incremento con respecto ao ano pasado no que se refire fundamentalmente á achega do Estado, é dicir a participación do Concello nos tributos do Estado, e ese incremento será absorbido de xeito íntegro polas obras da gardería infantil. Resulta curioso que a estas alturas os grupos da oposición sigan a dubidar de que se abra ese centro. Estes señores que nunca fixeron nada pola nova escola infantil agora están moi doídos porque é o PP o que está a sacar adiante esta obra”.
Segundo González Barcia “estes presupostos priman os servizos sociais e educativos, xa que se destinan a estes dous conceptos case 2 millóns de euros, un 30% da totalidade do orzamento municipal. Permitiranos rematar as obras da gardería, mal que lle pese a algúns, e permitirán facer tamén os novos vestiarios no campo de fútbol de herba artificial da Marosa”.
No pleno celebrado este xoves no Concello burelés “aprobouse a cesión por parte do Concello dunha das dúas vivendas de mestres do colexio dos Castros á asociación Bumei para poñer en marcha unha casa destinada a acoller casos de violencia de xénero ou tamén a mulleres en situación de exclusión social. Resulta sorprendente que cando se da un paso enorme, fundamental e decisivo para axudarlles ás mulleres que sofren a violencia de xénero o PSOE se absteña. O PSOE dubida da capacidade desta asociación, que ten demostrado reiteradamente o seu traballo a prol da igualdade de homes e mulleres. E o BNG votou en contra. Teño as miñas dúbidas sobre o compromiso destas dúas formacións en materia de loita contra a violencia de xénero. O que é certo é que o PP saca adiante un servizo que é importantísimo, como sacará tamén adiante un local para a asociación de familiares de enfermos de alzheimer”.
O alcalde engadiu que “tamén se aprobou o IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres. Todos os grupos políticos puideron presentar as súas suxestións, pero só foi o PP o que o fixo, e en colaboración do CIM redactou o texto presentado. Tamén temos que dubidar do compromiso destes dous grupos políticos coa igualdade entre os homes e as mulleres, porque cando non se fan suxestións faise o que fixeron onte que foi calar a boca e meter a cabeza debaixo do brazo. Cremos que é un plan positivo porque foi elaborado por profesionais xunto coa concelleira delegada de Servizos Sociais. Agardemos que a súa aplicación sexa útil para conseguir iso que tanto ansiamos: a igualdade entre homes e mulleres”.
A José Mª González Barcia resúltalle sorprendente que neste pleno ordinario “nin o BNG nin o PSOE preguntaran por nada con rigor. Unha das moi poucas preguntas estivo relacionada coa avaría que sufriron os semáforos do cruce de Eijo Garay, Arcadio Pardiñas e rúa da Igrexa. Quero aclarar que avaría non foi debida a nada achacable ao Concello, debeuse a unha subida brutal de tensión nuns transformador próximo de Barras Eléctricas, que tamén lle afectou ao que todos coñecemos como edificio de Caixa Galicia, onde están ubicadas as oficinas dunha entidade financieira que tamén resultou afectada. Ao largo do día de hoxe a avaría quedou resolta e que os semáforos volvan funcionar con normalidade”.