Cun despregue de seguridade faraónico, o Presidente da Xunta, Núñez Feijóo, chegaba ó mediodía deste mércores ó Hospital da Costa para anunciar unha vez máis a ampliación do centro mariñao; namentres CIG Saúde A Mariña, acompañada de traballadoras, traballadores e veciñanza da Mariña agardaban a chegada do presidente na entrada principal para pedir a súa dimisión e protestar polo decreto de xestión provincial imposto no 2013 que significou a expropiación da xestión dos recursos sanitarios do centro hospitalario da Mariña.
Para o sindicato de maior representación da área sanitaria, a data escollida para visitar o centro non é casual. A intención é por unha banda voltar a anunciar o que levan repetindo dende 2009, a ampliación do hospital da Costa, cando todos e todas sabemos que é propaganda electoral e por outra banda rebentar a mobilización convocada para este xoves a partir das 20.00 horas.
O SINDICATO NACIONALISTA DENUNCIA A “ACTITUDE COVARDE” DO PRESIDENTE DA XUNTA QUE ENTROU AO CENTRO ÁS AGOCHADAS E CON FORTES MEDIDAS DE SEGURIDADE
CIG Saúde sentenza que un Presidente que ven contar verdades non entra pola porta traseira. Cualifican de vergoñenta a decisión de colarse no centro hospitalario pola porta de servizo para evitar escoitar as reivindicacións das traballadoras, traballadores e usuarios da sanidade da Mariña.
A federación da saúde denuncia medidas de presión ditadas por Feijóo intentando quitarlles a faixa e os carteis de protesta e impedindo a entrada ao salón de actos a determinadas traballadoras e traballadores.
DERROGACIÓN DO DECRETO DE XESTIÓN INTEGRADA PROVINCIAL
CIG Saúde A Mariña defende que “o que precisa a sanidade da comarca é o que está a pedir o conxunto da sociedade mariñá: un decreto de xestión integrada propio para xestionar atención primaria e especializada, un modelo que aposte polo crecemento do Hospital con plena capacidade para xestionar os seus recursos e non medidas que teñen como fin fundamental recortar servizos sanitarios públicos para converter este hospital nun ambulatorio grande, deteriorar os centros de saúde e, alimentar o negocio da sanidade privada”.
“Mentres iso non se cumpra todo o que se anuncie é demagoxia”. Por iso esixen a Núñez Feijóo que derrogue o Decreto de xestión integrada, modifique a folla de ruta da Xunta encamiñada á privatización sanitaria, aprobe un Decreto de Xestión Integrada propio para a Mariña.
PLAN DIRECTOR
Dende a central nacionalista “lembran que o Plan Director non é mais que un estudio das necesidades que en materia de sanidade ten a comarca da Mariña, e que para nada é garante de que se vaia ampliar o Hospital da Costa. De feito é o terceiro Plan Director que se executa ao longo da vida do centro sanitario sen que ningún culminase en ampliación”.
Dende CIG Saúde A Mariña denuncian “as mentiras de Feijóo en canto á súa preocupación e compromiso coa viabilidade económica da sanidade pública, xa que o seu verdadeiro compromiso é coa PRIVATIZACIÓN e acúsano de propaganda electoral que só busca enganar e manipular aos mariñaos e ás mariñás sen o mais mínimo pudor, nun tema tan sensíbel como é a saúde”.
Para a central nacionalista no Partido Popular “o que están é comprometidos cos recortes, cos repagamentos, coa amortización de prazas no sistema público galego de saúde (destrúen 90 de cada 100 vacantes por xubilacións), medidas todas elas encamiñadas a deteriorar a sanidade pública cun único fin, PRIVATIZAR e entregar a empresas amigas, que buscan grandes beneficios, a nosa sanidade tal como están facendo co novo Hospital de Vigo, a ampliación do Hospital de Ourense, os servizos de mantemento, electromedicina, as unidades de esterilización, a central de compras…
“Este é o compromiso de Feijóo, entregar o noso patrimonio sanitario aos poderes económicos sedentos de lucro, facendo deste xeito insostíbel e inviábel o futuro da nosa sanidade pública”, aseveran.
MOBILIZACIÓN NA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA
CIG Saúde A Mariña anima á poboación mariñá a contestar con claridade e contundencia os cantos de serea de Feijóo e apoiar a mobilización prevista para o xoves ás 20.00 horas no Hospital da Costa.