Foz, 17 de marzo de 2015. Coa acta de replanteo, que foi asinada este martes, comezaron as obras para a construción da cuberta na zona de xogos da escola infantil da Galiña Azul de Foz. Esta actuación conta cun investimento próximo aos 10.000 euros por parte da Xunta de Galicia.
O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, visitou a gardería este martes acompañado pola concelleira de Educación, Mercedes González Alonso, e explicou que “hoxe asinouse a acta de replanteo e inicio de obras da construción dunha cuberta na zona de xogos da Galiña Azul de Foz. Estiveron presentes o arquitecto, o aparellador, técnicos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a directora do centro e responsables do Concello, que foi o que tramitou esta obra no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. É unha obra moi demandada pola directora e tamén polos pais dos alumnos, xa que se trata dunha zona de xogos descuberta que era pouco aproveitable en inverno e incluso na primavera tamén había días no que os rapaces tampouco podían saír demasiado a esa zona exterior porque a goma permanecía mollada; entón era pouco usada”.
O rexedor municipal engadiu que “con esta nova obra os monitores e os rapaces van gozar dunha zona cuberta e protexida da chuvia, polo que vai ser moito máis usada. Son cerca de 200 metros cadrados os que se cobren cunha chapa metálica tipo sándwich con perfiles metálicos. A obra durará aproximadamente catro semanas aínda que se o tempo o permite probablemente poida adiantarse ese prazo de entrega. Estamos a falar dun investimento de cerca de 10.000 euros que fai o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Foi xestionado polo Concello e trátase dun compromiso da conselleira de Traballo e Benestar e do propio alcalde. É un compromiso máis cumprido e esperamos que nas próximas semanas estea listo e poida xa ser usado polos rapaces e os monitores”.