O Concello de Burela súmase un ano máis á conmemoración do Día Internacional da Muller, reforzando así o noso compromiso continuo de traballo cara a acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Porque, a pesares de que os nosos valores indudablemente foron cambiando, séguese aínda, en algúns eidos, admitindo que os homes son superiores xerarquicamente ás mulleres e que as súas accións son máis importantes. Estes valores instálanse en mulleres e homes a idades moi temperás a través do proceso de socialización diferencial de xénero, formando parte do xeito que temos de entender e explicar o mundo, e fan posible que a sociedade siga permitindo e perpetuando as discriminacións e desigualdade de xénero.
Pero estes valores tradicionais téñense que desbotar e crear, construír, consolidar outros que partan do recoñecemento da diversidade humana e do respecto ás diferenzas entre as persoas. So así iniciaremos un camiño sen volta cara a que mulleres e homes acaden a igualdade real.
Sen cambio de valores non se pode dar ningunha transformación social. Os valores sosteñen e xustifican calquera modelo de sociedade e, para contribuír ao paso, dun modelo androcéntrico e machista, a un igualitario é preciso, desarrollar outros valores, outros principios polos que deba rexerse a nosa sociedade. E iso é o que facemos en días coma hoxe, nos que nos xuntamos para manifestar as nosas ganas de cambiar e polo que nos comprometemos a traballar o resto do ano.
Dende o Concello de Burela queremos manifestar a nosa firme decisión de reforzar todas as nosas actuacións en materia de igualdade e colaborar con todas as institucións públicas e axentes sociais na tarefa compartida de promover a igualdade real entre homes e mulleres.
CON MULLERES HAI GALICIA. HAI INNOVACIÓN. HAI PROGRESO. HAI TRADICIÓN. HAI RAICES. HAI TALENTO. HAI FUTURO.
FELIZ DÍA DA MULLER A TODAS E A TODOS.