Burela, 24 de marzo de 2015.- A Concellería de Servizos Sociais e Igualdade ven de presentar o IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes para o período comprendido entre os anos 2015-2017. Segundo explica Diana Durán “con el queremos dar continuidade ás políticas de igualdade adoptadas polo Concello nos últimos anos. Ademais supón a reafirmación do compromiso na loita pola igualdade que se iniciou no ano 1997 coa creación do CIM e os anteriores plans de igualdade”.
A edil popular subliña que “a igualdade entre homes e mulleres e a eliminación de todas as formas de discriminación contras as mulleres son os obxectivos prioritarios deste plan”.
A poboación de Burela en xaneiro de 2015, segundo o padrón municipal, estaba composta por 4.768 mulleres e 4.835 homes, dos que a maioría corresponden ás franxas de idade comprendidas entre os 20 e os 60 anos. En Burela conviven cidadáns de 42 nacionalidades, dos que 473 son mulleres e 618 homes. As máis numerosas son Cabo Verde (con 212 mulleres e 234 homes), Perú (con 60 mulleres e 61 homes), Portugal (con 50 mulleres e 62 homes) e Indonesia (con 101 homes e sen presenza de mulleres na vila). Seguen Senegal, Brasil, Marrocos, Colombia e Romanía.
As liñas estratéxicas nas que centrará o IV Plan de Igualdade do Concello bureles pasan por “introducir e fomentar o principio de transversalidade de xénero nas actuacións do Concello, como garante de compromiso coas políticas de igualdade; promover a sensibilización a favor da igualdade entre homes e mulleres impulsando a transmisión de valores de xénero máis equitativos e a eliminación de estereotipos; fomentar a corresponsabilidade de homes e mulleres na asunción de tarefas habituais da vida familiar diaria promovendo actuacións que favorezan a conciliación da vida laboral e familiar; promover a participación das mulleres en todos os ámbitos da sociedade en condicións de igualdade, así como promover a atención á saúde e benestar destas; previr e abordar a violencia de xénero dende as súas diferentes causas, tipoloxías, manifestacións e consecuencias, así como garantir a asistencia e protección das vítimas con actuacións de carácter integral e coordinando os recursos existentes”.
Diana Durán indica que “se deseñaron dentro do plan unha serie de actuacións reais que se levarán a cabo ao longo do período de vixencia do plan, tal e como se veu facendo ao longo dos últimos anos. Por exemplo haberá actividades nos centros de ensino con carácter preventivo, continuará o programa Educando en familia, organizaremos xornadas, obradoiros e seminarios de prevención de violencia de xénero, haberá obradoiros de supervivencia doméstica para homes e mulleres, accións informativas e formativas para mulleres emprendedoras ou actividades de ocio e tempo libre como espazo de benestar físico e de socialización, entre outras moitas”.