Cervo, 4 de marzo de 2015- O Concello de Cervo informou este mércores de que xa remataron as obras de construción da rede de saneamento da Senra que financiou a Xunta a través de Augas de Galicia e que tiveron un custo de 390.000 euros. O alcalde, Alfonso Villares, a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias e a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, acompañados de técnicos municipais, achegáronse ata a EDAR para coñecer o sistema instalado.
Unha rede que dará servizo a todos os veciños da Senra e que inclúe 3.400 metros de canalizacións así como unha Estación Depuradora de Augas Residuais, que ten capacidade para tratar as augas de 300 veciños, moi superior á poboación da zona.
Polo tanto, a obra principal chegou á súa fin, e só quedan pendentes as acometidas aos domicilios para que a rede poida poñerse en servizo. Uns traballos que comezarán estes días e que previsiblemente, sempre que o tempo o permita, estarán rematados este mesmo mes.
Unha obra que pasou por diversas vicisitudes antes da súa finalización, xa que a empresa contratada quebrou antes de rematala. Aínda así, a Xunta non podía facerse cargo dos traballos ata que finalizasen os dous anos de contrato. Pasado ese tempo o Goberno galego recuperou o proxecto e rematouno.
O alcalde agradeceu á Xunta de Galicia “a súa forte implicación en materia de saneamento no noso concello, e o da Senra é un claro exemplo”. Un proxecto que conecta directamente coa “aposta do Concello por estender servizos básicos por todo o municipio, como é o caso dos saneamentos e abastecementos de auga, que melloran a calidade de vida dos nosos veciños”.
Durante a visita a delegada territorial adiantoulle ao alcalde que nos próximos días asinarase a resolución de entrega ao Concello para uso público. Arias salientou a importancia da posta en funcionamento deste servizo “tanto polo esforzo inversor realizado pola Xunta como polos beneficios directos que conlevará para os veciños”.