Ribadeo, 18 de marzo de 2015. Un total de 52 persoas participan no concurso fotográfico do día de pai, que organizou Acisa Ribadeo e que repartirá 600 euros en premios.
Acisa explica que “establecemos dúas categorías: premio do público, que será aquela imaxe que reciba máis votos a través de facebook e os premios do xurado, que serán os que decidan varios membros da directiva de Acisa e profesionais da fotografía. Haberá un premio de 150 euros en vales de compra para gastar nos locais asociados, que será para a foto elixida polo público. E tres premios, que decidirá o xurado: o primeiro estará dotada con 200 euros, o segundo con 150 euros e o terceiro con 100 euros”.
O concurso conclúe este xoves ás 10.00 horas “logo desa hora xa non será posible votar nin enviar máis imaxes para esta cita”.
O xurado, que se reunirá este venres, estará formado por Lorenzinho, fotógrafo profesional invitado, que é de Ribadeo, pero que reside na Coruña; Servicios Audiovisuales El Farero; Foto Miguel; o presidente de Acisa, Francisco Iriarte; e un vogal da asociación Juan Andina”. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo agradece “aos fotógrafos a súa colaboración porque o fan dunha forma totalmente altruísta. Estamos encantados de poder contar coa súa cualificada opinión para elixir ás imaxes gañadoras do concurso”.
Desde Acisa explican que “as fotografías premiadas expoñeranse dentro duns días no escaparate de Foto Miguel, para que todo o mundo poida velas”. Os premios aos gañadores entregaranse a próxima semana. A data está por determinar.