O BNG de Burela esixe de novo que se dea unha solución inmediata á demanda social existente en relación ao servizo de pediatría do Centro de Saúde de Burela. O portavoz municipal do BNG, Mario Pillado, indicou que “non se está a dar a cobertura sanitaria axeitada ao non cubrirse as baixas e xubilacións con persoal especializado”.
O BNG xa denunciou hai dous meses que a vacante producida por xubilación dunha das dúas facultativas que consultaban no Centro de Saúde de Burela, fora cuberta por persoal médico de familia e non por especialistas en pediatría. A formación nacionalista tamén denunciara publicamente, en novembro de 2013, a ausencia de pediatras ao non cubrirse as vacacións e baixas laborais do persoal facultativo. A día de hoxe, o Centro de Saúde conta con só dous facultativos para atender a máis de 1.300 nenos e nenas adscritos ao centro, dos cales só un é especialista en medicina pediátrica.
O BNG apoia as demandas das nais e pais afectados e pedirá explicacións ao Sr. Alcalde no próximo pleno municipal.
Desde a formación nacionalista queren trasladar todo o seu apoio ás nais e pais afectados e anuncian que pedirán explicacións ao Sr. Alcalde sobre as medidas adoptadas desde o Goberno Municipal para dar unha solución a esta situación. Nese sentido, o grupo municipal do BNG rexistrará esta mesma semana unha serie de preguntas dirixidas ao Sr. Alcalde para a súa contestación en pleno.
En palabras de Pillado, “o Sr. González Barcia debe aclarar se realizou alguha xestión ao respecto e se procedeu á solicitude de persoal sanitario especializado en pediatría para o Centro de Saúde de Burela, tal como se acordou no último pleno celebrado hai xa dous meses”. O portavoz nacionalista pídelle ao Sr. Barcia que atenda as demandas dos veciños e veciñas e que se deixe de facer de gardacostas da Conselleira de Sanidade nas súas visitas electoralistas a Burela. “O Sr. Barcia debe actuar na defensa do interese xeral e garantir os dereitos básicos dos veciños e veciñas de Burela, e solicitar de forma inmediata á Consellaría de Sanidade a prestación axeitada dos servizos sanitarios”, concluíu Pillado.
Desde o BNG fan un chamamento a todos os veciños e veciñas de Burela a participar na manifestación convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña para o próximo xoves, día 19, por unha sanidade pública e de calidade e por unha xestión propia para o Hospital da Costa.