A Mariña, 7 de marzo de 2015. O BNG na Mariña aproveita os actos e declaracións que se están a realizar arredor do 8 de marzo para volver a poñer enriba da mesa a discriminación que sofren as mulleres, polo mero feito de selo, tamén no ámbito laboral. Lembran desde o BNG que “todos os estudos apuntan a que a brecha salarial entre mulleres e homes é de arredor do 25%, o que supón que as mulleres seguen a cobrar un cuarto menos de salario ca os homes polo mesmo traballo”, explican desde a formación nacionalista.
“Desde o BNG somos conscientes da necesidade de seguir pelexando ata acadar a igualdade real entre mulleres e homes, lonxe da discriminación salarial e laboral, e coa existencia de traballos que aínda son cousa de homes ou de mulleres. Pero esa pelexa, esa loita, ten que ser unha cuestión prioritaria e diaria. Non nos serve que, quen diariamente ataca ás mulleres desde distintos ámbitos, saque peito en datas concretas con actos e declaracións cargadas de hipocrisía e baleiras de contido”, declaran.
“Nun momento coma o actual, as mulleres están a sufrir moito máis as consecuencias da crise, xa que seguen sendo maioritariamente elas as que abandonan os seus traballos para atender a familiares e fogares, as que sofren maiores recortes laborais e salariais e as que, en primeiro lugar, soportan maiores cargas á hora de conciliar a vida laboral e familiar. Moitas mulleres víronse obrigadas a abandonar o seu traballo para atender a fillos e fillas ou familiares e ao chegar os 50 anos, o desemprego aumenta, así como a franxa das mulleres autónomas nun 12%. Isto evidencia que tras unha vida laboral de 30 ou 35 anos, aos 50 son despedidas ou deben pechar os seus negocios. Unha opción viable para este colectivo non é a emigración (que soportan as mozas galegas) polo que deben enfrontarse a 10 o 15 anos sen ningún tipo de prestación.”, explican desde a formación nacionalista.
Para estes casos, desde o BNG propoñen crear unha axuda para desempregadas cunha contía igual ao Salario Mínimo Interprofesional e con carácter indefinido. No mesmo sentido, tamén propoñen un “plan de emprego feminino” como contempla a Lei galega destacando: “ o acento nas mulleres maiores, e unha liña de axudas para empresas femininas”.
“É fundamental que os actores políticos se impliquen en acadar a igualdade real. E iso é cousa de todos os días, de traballar desde todos os ámbitos desde o respecto e a responsabilidade de quen ten na súa man a posibilidade de tomar medidas para mellorar a situación”, afirma a responsábel comarcal, Ana Ermida.
“Desde o BNG somos conscientes da desigualdade e o machismo que a día de hoxe aínda existe na sociedade, polo que poñemos todos os medios para loitar contra esta situación todos os días. Aproveitamos estas datas, nas que parece que todo o mundo se dá conta dos problemas, para seguir reclamando implicación e solucións para a desigualdade”, expoñen.
A formación frontista asegura que o recoñecemento das mulleres e a loita pola igualdade non pode quedar en cousa dun día. “Para nós, todos os días son 8 de marzo, porque todos os días teñen que ser días das mulleres”, di Ana Ermida.
Por iso, de xeito simbólico e coa intención de que o 8 de marzo estea presente todos os días, os grupos municipais do BNG presentarán mocións en todos os concellos nas que, entre outras cuestións, se solicita que un espazo público (rúa, praza, edificio, parque, etc.) sexa nomeado como “8 de marzo. Día internacional das Mulleres.” “Non deixa de ser algo meramente simbólico, pero que pode amosar o compromiso e o traballo pola igualdade real máis alá de declaracións institucionais ou actos simbólicos que quedan en cousa dun día”, explica a portavoz comarcal.
Unha medida tan sinxela coma esta, que xa se ten feito nalgúns concellos coma o de Ribadeo, onde goberna o BNG, podería ser un primeiro paso na concienciación social e no traballo que se debera desenvolver desde as institucións, tamén desde os concellos.
Desde o BNG animan tamén a acudir á manifestación unitaria do feminismo galego, que terá lugar mañá, 8 de marzo, baixo o lema “Feminismo para avanzar. Xuntas nunha mesma loita” con saída, ás 12 da mañá desde a estación de tren de Compostela.




















A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



