Cervo, 27 de marzo de 2015.- A praza situada entre as rúas Asturias e Rosalía de Castro en San Cibrao foi remodelada e dotada de novos servizos. As obras están rematadas e esta mañá o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Obras, Pilar Armada e o presidente da Asociación de Veciños Cruz da Venta, José Luis Sariego, visitaron a zona.
O proxecto incluíu unha serie de melloras que, en conxunto, contribúen a “humanizar a praza converténdoa nun espazo público de encontro e de lecer e recuperándoa para os veciños”, tal e como asegura a edil de Obras. En concreto estas actuacións consistiron en remodelar o firme, dotar á praza de alumeado ou renovar o mobiliario urbano.
Unha das actuacións máis destacables foi a construción dunha nova beirarrúa para que a praza sexa de acceso universal, salvando o desnivel e as escaleiras que existían nun edificio próximo, e tamén se redistribuíron as zonas de estacionamento. Cabe lembrar que esta actuación fora demandada no seu momento pola Asociación de Veciños Cruz da Venta.
A edil de Obras asegura que esta é unha das actuacións do plan de mellora que o Concello ten a intención de acometer nesta zona de San Ciprián, á espera de contar coa colaboración “doutras administracións, e non só da Xunta” que tal e como lembra Armada achegou o 75% do custo da obra (37.500 euros) mentres os 12.500 restantes financiounos o Concello con fondos municipais.