O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO-ASEMBLEAS ABERTAS aprobou esta semana o programa electoral co que se presentarán ás vindeiras eleccións do 24 de maio. Marco López asegurou que o programa co que concurrirán aos comicios será “realista”, por estar suxeito ao orzamento estimado para o Concello de Xove para os vindeiros anos, e “innovador”, por amosar unha alternativa real de goberno que supere o “inmobilismo actual” e a “ausencia de ideas do goberno municipal”.
“Imos presentarnos cun programa cheo de actuacións concretas”, declarou o candidato nacionalista, “sen xeralidades do tipo: que se acabe la guerra en el mundo, como adoita propoñer o PP”. Estas manifestacións aludían á última iniciativa levada a pleno polo grupo municipal popular na que propoñían un Pacto de Estado pola Infancia. O portavoz nacionalista definiu esta proposta como “unha declaración de boas intencións sen dotación orzamentaria ningunha”. “Pura literatura”, remarcou, “e da mala”.
O candidato á alcaldía xovense anunciou que os primeiros en coñecer polo miúdo o programa do Bloque serán os propios veciños do concello e anunciou que as súas ideas de goberno serán ambiciosas no eido do emprego, a formación, a conciliación familiar, as infraestruturas, o benestar e a saúde. Marco López pediulle á opinión pública que se lles permita gardar as propostas do programa electoral para evitar “novos plaxios” dos populares “como pasou hai catro anos”. Tamén manifestou que “este goberno municipal está demasiado afeito a esixirnos a nós as ideas e, sen embargo, ser eles os que as xestionen de xeito deficitario”.
Asemade, Marco López anunciou que será esixente coas demais administracións en temas trascendentais para a poboación xovense como no caso do desmantelamento de servizos esenciais ou no desleixo coas políticas destinadas á xente moza.