Carlos Fernández Louzao. BNG Xove – Nos tempos que corren, adoitan aparecer uns políticos polas portas das casas vendendo motos, gabándose das poucas cousas feitas e do que está por facer: “Fixemos tal e cual, e a partires de agora imos facer isto e aqueloutro”. Algúns, como no caso de Xove, presentarán un libro a toda cor con montóns de fotos onde virán ata as silveiras que rozaron.
Neste caso, o de Xove, que é o que nos ocupa e preocupa, uns téñeno máis doado ca outros. Os que están no goberno, alcalde e concelleiras, téñeno menos complicado: manexan un orzamento que lles dá para facer todo o que se propoñan. Pero cal é o problema? Que a falta de ideas nótase. De feito, nótase tanto que non dan gastado os cartos dos que dispoñen, tendo nestes momentos nas arcas municipais catro millóns de euros que deberan ser investidos no benestar do pobo de Xove, non cumprindo as expectativas do que debía ser un concello pequeno coma o noso cun dos presupostos máis altos do Estado español en renda per cápita.
No BNG, dende a oposición, fiscalizamos a labor do equipo de goberno nos plenos e comisións, un traballo que se ve pouco na rúa, pero tan valioso coma o da propia gobernanza. Informamos dos problemas que afectan ao municipio, convocando actos informativos, editando periodicamente O Aguillón, dende as redes sociais ou dende a prensa tradicional, e non nos falta ilusión e ideas para poñer a Xove no lugar que lle corresponde se os vecinos e veciñas non dan o seu voto de confianza. Pero para facer isto precisamos chegar a un goberno municipal que, ao fin e ao cabo, sería o que nos permitiría consolidar e plasmar as nosas ideas. Daquela si que se nos había notar.