Lugo, 10 de abril de 2015. O vicepresidente e responsable de Benestar e Deporte da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga anunciou este venres en rolda de prensa que a Xunta de Goberno do organismo provincial aprobou as bases e o orzamento do circuíto profesional do proxecto teatral Buxiganga.
“Logo de varios anos apostando polo teatro amador, unha aposta que mantemos tamén esta edición, o proxecto Buxiganga dá un paso máis e este ano contaremos tamén cun circuíto profesional dentro do mesmo. Cremos que é un xeito de amosar unha vez máis a nosa decidida aposta pola cultura en xeral e o teatro en particular”, salientou Antonio Veiga.
Este circuíto profesional contará cun orzamento de 60.000 euros. “É coñecido que temos xa desde o 2009 funcionando o proxecto Buxiganga, que serve para potenciar o teatro afeccionado. Agora mesmo temos uns 30 grupos de toda a provincia que recorren concellos e asociacións coas súas actuacións, uns grupos cos que temos varias liñas de apoio, como á formación. Este ano, nun programa que se vai desenvolver en dúas quendas [xuño, xullo e setembro, e despois en outubro, novembro e decembro], facemos o circuíto Buxiganga Profesional. A diferenza co outro, vai exclusivamente destinado a profesionais, co obxectivo de mover a esas compañías polos concellos e entidades”, sinalou. Veiga avanzou que, logo de ser publicado no BOP, o delegado de Cultura explicará máis amplamente os detalles deste circuíto.
Para Veiga, “é moi importante apoiar a industria cultural, que é moi sobresaínte neste país e o único que recibiu nos últimos anos por parte doutras administracións, e sobre todo por parte da Xunta, non foron máis que paus”, lamentou.
Adquisición escultura
Así mesmo, Antonio Veiga avanzou que “hoxe rematou o proceso administrativo para a adquisición por 35.000 euros da escultura de Francisco Asorey presente no panteón que ten a familia Fernández López no cemiterio de San Froilán”, sinalou. O vicepresidente provincial apuntou que “se trata do ‘Cristo Redentor’, unha pez en mármore obra dun dos mellores, senón o mellor, escultores galegos do século XX e que é de sobra coñecido polos lucenses porque no Museo Provincial de Lugo xa hai dúas fermosísimas pezas del: ‘A ofrenda a San Ramón’ e o ‘San Francisco’. A primera é propiedade da propia galería lucense, mentres que a segunda é un depósito do Museo Raíña Sofía”, explicou.
Exquisita mostra de escultura funeraria
Antonio Veiga tamén apuntou que “é unha exquisita mostra de escultura funeraria, da que Asorey deixou singulares exemplos. Neste caso, o escultor nado en Cambados, que formou parte da Xeración Nós xunto a Castelao, Otero Pedrayo ou Vicente Risco, elaborou unha figura tallada nunha única peza de mármore, que representa a Xesucristo a escala real, de corpo enteiro, de pé e que coas mans sostén sobre o peito a sagrada forma. As súas medias, aproximadas, son de 180x65x30 centímetros e conta cunha base de 41×36 cm”, indicou.
Veiga tamén sinalou que “a figura está pensada para ser vista de fronte, á maneira da arte exipcia, e caracterízase pola simetría, a rixidez, o xeometrismo das formas e a inexpresividade do rostro, particularidades todas elas que nos remiten ao ‘kuros’ grego. O tratamento do cabelo e os pregamentos da túnica son un claro exemplo de inspiración arcaica”, manifestou.
Unha vez que remate o proceso de compravenda, os xestores do Museo Provincial de Lugo acometerán nas semanas posteriores o seu traslado á galería da cidade amurallada.