Madrid, 22 de abril de 2015.- Os deputados e senadores do PP pola provincia de Lugo criticaron este mércores que o líder socialista, Pedro Sánchez, prometese na mañá dese día na súa visita a Foz que o seu partido “continuará facendo xestións para lograr a urxente mellora integral da estrada N-642”. Para os parlamentarios lucenses, “prometer o que xa está conseguido e que o Ministerio de Fomento xa anunciou que vai facer só significa que o señor Pedro Sánchez decidiu entrar na campaña ao estilo Pepe Blanco, é dicir, prometendo cousas cada día pero sen facer nada”.
O deputado mariñano Jaime de Olano recordou que hai menos dun mes que o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Manuel Niño González, acompañado polo xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Anxo González del Río, e polo responsable deste departamento en Lugo, Narciso González Florido, reuníronse co alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, e anunciaron a próxima licitación de obras de mellora por importe de 1,2 millóns de euros.
Ese mesmo día, o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, xa agradeceu publicamente as xestións realizadas polo deputado Jaime de Olano e o senador José Manuel Barreiro, que foron as que fixeron posible a visita que finalmente se plasmou no compromiso de investir eses 1,2 millóns de euros nesta vía, de vital importancia para a bisbarra mariñana.
Precisamente este mércores, o ministerio de Fomento confirmou aos deputados e senadores do PP pola provincia de Lugo que a licitación deste proxecto de mellora para a N-642 se levará a cabo no segundo trimestre deste ano, é dicir, de forma inminente.
De Olano subliñou que durante os oito anos que gobernaron os socialistas non se fixo nada nesta infraestrutura, e tampouco na Mariña lucense, e espera que o anuncio de hoxe de Pedro Sánchez non signifique que a súa falta de experiencia lle leva a descoñecer que tras o anuncio da licitación hai que completar diversos trámites que fan que non se poidan comezar as obras de forma inmediata.