Esta decisión comezará a materializarse no Hospital público de Lugo Lucus Augusti que se dotará por primeira vez dun servizo de radioterapia Trátase do primeiro lote do contrato de alta tecnoloxía que suporá un investimento total de 88 millóns de euros en oito anos O Goberno galego, na súa reunión semanal do Consello, deu hoxe luz verde á decisión de reforzar a modernización tecnolóxica do Servizo Galego de Saúde, coa renovación de 10 aceleradores lineais nos hospitais públicos galegos.
A tal efecto, a mesa de contratación considerou que a empresa VARIAN MEDICAL SYSTEMS IBÉRICA, S.L., presentou a oferta máis vantaxosa, polo que se lle requiriu para a presentación, nun prazo de 10 días, da documentación necesaria para a adxudicación do contrato.
Unha vez presentada esta documentación pola empresa proposta, procederase á adxudicación formal do contrato e a súa posterior formalización.
Prioridade á radioterapia en Lugo
Este contrato, que afecta á totalidade dos hospitais públicos do Sergas, comezará a materializarse no hospital Lucus Augusti, que se dotará por primeira vez do servizo de radioterapia.
Da oferta cualificada como máis vantaxosa destaca así que o primeiro equipo de radioterapia que está previsto instalar no Sergas en toda Galicia sexa para Lugo.
Trátase do primeiro lote do contrato de alta tecnoloxía que suporá un investimento total de 88 millóns de euros en oito anos. E, con esta proposta o departamento que dirixe Rocío Mosquera dá un paso máis na súa intención de dotar o Sergas da alta tecnoloxía necesaria para aumentar a calidade diagnóstica e asistencial, mellorar a dispoñibilidade do equipamento e atender de forma máis eficiente a demanda das probas diagnósticas e dos procedementos terapéuticos que empregan estas tecnoloxías.
O contrato da alta tecnoloxía permitirá mellorar a atención á cidadanía, poñer á disposición dos profesionais da saúde as últimas técnicas diagnósticas e terapéuticas, participar en programas de investigación e innovación de ámbito internacional e contar cunha plataforma avanzada de diagnóstico pola imaxe.
En resumo, o contrato implica a renovación tecnolóxica existente e a incorporación do novo equipamento, co obxecto de aumentar a produtividade e a capacidade diagnóstica do Sergas.