Burela, 22 de abril de 2015. O BNG segue apostando por estar do lado da xente da rúa e das clases obreiras e nesa liña ten planificada unha xuntanza cos representantes dos traballadores da planta situada en Burela para este Venres 24 de abril. Unha representación da candidatura dos nacionalistas na vila xunto con representantes da formación a nivel comarcal escoitarán as demandas do cadro de persoal da antiga ECESA tras diversos contactos previos nas últimas datas.
Como vén sendo habitual para o BNG é fundamental a participación dos que poñen a man de obra a nivel decisorio e que teñan capacidade de decisión sobre o seu futuro, moi por riba do que poda opinar un administrador concursal ou calquera outra figura afastada do día a día na instalación burelá; “para nós é fundamental escoitar o que pensan os obreiros e tomar nota das súas demandas, para logo tentar axudarlles en todo o posible no que estea ó noso alcance” salientou Mario Pillado.
Cabe destacar que pese a grave situación económica padecida tratábase dunha empresa rendible arrastrada a esa delicada situación por outras firmas do grupo, polo que non era razoable que contando cunha cualificada man de obra e, segundo os expertos, cunha das mellores materias primas do mundo. “Semella incomprensible que unha planta que levaba tantos anos traballando de xeito eficiente se vise abocada á disolución por motivos totalmente alleos á súa propia actividade” opinou o candidato nacionalista en Burela, quen tamén cre que “se xestionamos nós o que é noso, os nosos sectores produtivos característicos, está demostrado que temos moito máis sinxelo crear emprego para ás burelás e os burelaos”.
O alcalde de Burela non aportou ningunha solución
Para os nacionalistas e curioso que o señor González Barcia se poña agora do lado da solución cando a única información que trasladou ó pleno municipal foi o peche da planta fai uns meses, sen tentar buscar solución ningunha. “Cónstanos que o único que fixo o rexedor burelao foi asistir como oínte as reunións derivadas desta problemática, sen aportar solución nin tan sequera ideas para axudar aos traballadores” afirmou Pillado. O concelleiro e candidato nacionalista destacou que “mentres Barcia se reúne co administrador concursal en contraposición os nacionalistas que o fan cos obreiros é unha mostra mais de que o alcalde non está do lado dos veciños cando o precisan, non aporta iniciativa nin alternativa ningunha ás problemáticas que aparecen, posto que está moito mais preocupado pola propaganda e anunciar xestións que nada teñen que ver con el”.
Por último os nacionalistas móstranse ledos tras o que aparece como unha boa solución para os obreiros de “Área Minera del Atlántico”, novo nome que tiña a empresa, que semella van poder retornar na súa maioría ós seus postos de traballo.
Recordar que a xuntanza terá lugar o Venres ás 11:00 horas da mañá no Hotel Nordés coa participación de representantes do comité de empresa, membros da candidatura do BNG en Burela e tamén do BNG comarcal.