Santiago, 14 de abril de 2015.- O Parlamento de Galicia aprobou este martes unha iniciativa do Grupo Popular pola que se insta ao Goberno central á creación dun rexistro estatal de dereitos de pesca, que outorgue seguridade xurídica e transparencia ás transaccións que se realicen, ao abeiro da nova normativa europea que permite estes intercambios.
O portavoz de Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, sinalou as vantaxes deste novo rexistro porque empresas e profesionais poderán coñecer as operacións de venda, intercambio ou alugueiro que se poidan realizar entre os titulares das distintas embarcacións.
Unha demanda dos profesionais do mar
Segundo lembrou Balseiro, os dereitos de pesca transferibles son unha oportunidade para que a flota galega poida gañar en competitividade e reducir custes, cunha mellor organización da súa actividade, xa que se poderá dispoñer dos dereitos de pesca en función das necesidades e estratexias comerciais que queiran levar adiante flotas e profesionais.
Balseiro explicou tamén que a creación dun sistema de concesións ou dereitos de pesca transferibles entre os Estados Membros da Unión Europea que permita o intercambio de cotas sobre un recurso pesqueiro concreto, en función dos intereses das distintas flotas, é unha demanda recorrente dos profesionais do mar e unha das reivindicacións lideradas por Galicia de cara a reforma da Política Pesqueira Común.
De feito, formaba parte das propostas incluídas no Ditame unitario que, aprobado dun xeito unánime polo Consello Galego de Pesca (máximo órgano de representación e asesoramento do sector marítimo pesqueiro), constituía a folla de ruta sobre a que desde Galicia proxectábamos un rumbo diferente para a nova normativa comunitaria.
Salvagardas para flota artesanal
Fronte ás críticas da oposición a este novo modelo, Balseiro lembrou que os recursos mariños son un ben público e deben seguir séndoo. “Por este motivo, este modelo introduce salvagardas para evitar a especulación ou a acumulación dos dereitos en poucas mans ou grandes industrias”, engadiu.
De feito, os dereitos de pesca transferibles non se aplican á flota artesanal (barcos menores a 12 metros de eslora) e as operacións unicamente poden producirse conforme a condicións estritas (soamente poden adquirilas os propietarios de buques matriculados e en activo). A creación do propio rexistro ofrecerá maior transparencia e accesibilidade a estas operacións.