Burela, 15 de maio de 2015.- O Secretario Xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, pediu o voto para a candidatura de Compromiso por Galicia en Burela porque incorporará o diálogo, a transparencia e ideas innovadoras de goberno ao Concello. Pediu o apoio aos desencantados coa política desenvolta polos socialistas xa que hoxe é Compromiso o depositario do ideario socialdemócrata e galeguista e non o Partido Socialista de Besteiro, moi afastado do pensamento de Ceferino Díaz ou Ramón Piñeiro.
O líder galeguista arremeteu a continuación contra o Partido Popular e nomeadamente contra Núñez Feijóo, “por volver á estratexia de sacar os contratos do naval en plena campaña, é noxento que un presidente xogue coa esperanza das familias deste sector e di moi pouco do respecto dos populares polas regras de xogo democráticas”.
De visita en Expomar con Juan Carlos Piñeiro, o secretario xeral de Compromiso afirmou que, “desde que gobernan Feijóo e Rajoy, todo son malas noticias para o sector pesqueiro”. En Burela, dixo, “sábeno ben”, no norte da provincia de Lugo desembárcase un cuarto do peixe e representa un cuarto do valor das transaccións. Uns gobernos populares que, aseverou, “relegan a pesca respecto a outros sectores na negociación en Bruxelas e chegan a lexislar en contra da propia normativa nacional como lle tiveron que recordar os tribunais”.
Juan Carlos Fernández, candidato á alcaldía de Compromiso, explicou que en febreiro a Audiencia Nacional “tumbou” por vulnerar catro leis a orde gobernativa para o cumprimento das directrices comunitarias en materia pesqueira, algo que “ten prexudicado seriamente aos intereses de armadores e flota de Burela, poñendo en risco a continuidade da súa actividade”. Logo dun forte investimento “atópanse nun limbo xurídico”. “Mal defende así a pesca a conselleira”, dixo Fernández en alusión á visita de Rosa Quintana a Expomar, cuxo discurso cualificou de “mitinero e impropio dun acto institucional”.