Barreiros, 16 de maio de 2015.- O PSOE de Barreiros comprometeuse este sábado, na presentación do seu programa electoral, a protagonizar ese cambio de goberno tan necesario para un Concello de Barreiros que perde poboación a pasos axigantados.
Favorecer o emprego e as medidas para fixar poboación son dous dos eixos prioritarios para os socialistas, nun concello que día a dia perde poboación, onde a mocidade ten que abandonar Barreiros pola falta de emprego, de vivenda de aluguer ou de medidas que axuden ao emprendemento. Orzamentos participativos, axudas ás familias desfavorecidas, á muller, aos rapaces en idade escolar ou participación cidadá nas decisión que se tomen dende o Concello , tamén figuran no programa do PSOE.
Preocupan tamén, os servizos sociais para unha poboación cada vez mais envellecida e dispersa, onde 974 dos menos de tres mil habitantes que ten o concello teñen mais de 65 anos – explicou María Carmen Veiga – moi crítica co actual alcalde Fuente Parga, ao que acusa de vivir alonxado da realidade do concello e dos seus veciños. Como é posible que despois de xestionar mais de 45 millóns de euros nos últimos dez anos, o concello teña unha débeda que supera os dous millóns e medio de euros e teña que estar hipotecado ata o ano 2032 debido ao plan de axuste negociado unilateralmente polo goberno do PP?
Unha hipoteca que fai que todos os servizos socias estean intervidos e non se poidan cubrir as baixas, sexa obrigatorio amortizar as prazas do persoal que se xubile ou non se poida aumentar, por exemplo, o persoal de axuda a domicilio tan necesario para os nosos maiores. Presumir de que non ten lista de espera nel, como fai o actual alcalde, é negar a realidade, vivir nunha nube, pois unha das principais queixas dos usuarios é precisamente que non é suficiente o tempo asignado para prestar un servizo de calidade.
Como é posible – continua preguntándose María Carmen Veiga – que despois de xestionar eses 45 millóns de euros ou cobrar aos veciños, por exemplo, a taxa de IBI mais alta da provincia, Barreiros siga sen ter un Centro de Día, outro dos compromisos socialistas no programa electoral, que os viais estean intransitables, que o saneamento brille pola súa ausencia na maior parte do concello, que as escasas depuradoras que existen se atopen nun estado deplorable, funcionando mal ou vertendo residuos sen depurar, que a única aposta polo turismo por parte do señor Fuente Parga sexa dende o punto de vista urbanístico; e non coma o motor de xeración de emprego que pode ser nun concello como Barreiros, coa riqueza natural e paisaxística que posúe, apostando como queremos facer os socialistas pola súa desestacionalización.
Sabemos – comentan tanto María Carmen coma o seu número dous José Antonio Otero – que o alcalde esta moi molesto coas críticas que estamos vertendo pola súa xestión.
Que pode esperar, senón críticas – continúan dicindo – si o único balance do seu goberno son as actuacións obrigatorias polas leis, ou unha carreira desenfreada nestes días antes das eleccións para intentar facer o que non fixo en catro anos.
Con semellante balance de xestión, non se extrañan os socialistas, que o actual alcalde e candidato do PP se negase a asistir ao debate proposto polo tecido asociativo de Barreiros, non se atreve a dar a cara diante dos seus veciños, de feito non a da nin no cartel electoral.
O PSOE- rematan María Carmen e José Antonio – ofrece un programa, con medidas reais e concretas, onde se ve que nos importan as persoas, o emprego, o turismo, os sevizos sociais, as infraestruturas, que a xuventude non teña que abandonar o noso concello; comprometendo un cambio seguro, un goberno transparente, honesto, dialógante e para todos independentemente do lugar onde vivan, ben sexa na zona norte ou na sur, no casco urbano ou na última casa de calquera das parroquias. Un cambio necesario diante do desgoberno, o amiguismo, o clientelismo, a mentira e a ocultación á que nos ten habituados o PP de Barreiros, cun alcalde que solo goberna para favorecer a unha exigua minoría e non fai mais que dar as costas ao resto cidadanía.