A pasada fin de semana no marco incomparable dos Picos de Europa e ó abeiro do imponente Picu Urriellu celebrábase a asambleia constituínte do Toxiza Clube de Montaña.
A iniciativa xorde dende o corazón dos vals de Lourenzá e Mondoñedo, pero ó mesmo tempo abertos ó mundo, a todos aqueles que sexan de onde sexan queiran COMPARTIR, EXPLORAR, DESCUBRIR a inmensidade da beleza infinita dos nosos montes e montañas, en definitiva pretendemos ser un punto de encontro para os amantes desa natureza que nos da todo sen esperar nada a cambio….
Inicialmente partimos con tres grandes obxectivos:
1- A defensa do noso entorno natural e a intención de dar a coñecer esa Mariña de interior, esa Mariña de paraísos perdidos cheos de vida que fican a caron deses grandes cumios coma a Pena da Roca, Toxiza, Cadramón ou o Xistral.
2- Realizar roteiros, viaxes ou travesias de alta montaña noutras cordilleiras como poden ser os Picos de Europa, Gredos , Pirineos ou Alpes
3- Outro obxectivo será levar adiante o equipo para as carreiras de montaña, un deporte que tentaremos promocionar na nosa zona organizando a segunda edición da Toxiza Clasica Xtrem, un carreira realmente diferente, única e espectacular..
Como ben di o noso lema, “que xamais os teus pasos queden sen camiño” porque non importa cal sexa o teu reto, a túa ilusión, o teu soño. É igual que sexa escalar o Everest, subir a Cornería ou pasear a carón do Masma, aquí tes un espazo onde misturar deporte, natureza e amizade.
A xunta directiva do club está constituída por Xavier Valoria Esmorís coma presidente; Martín Pardiñas Díaz, secretario; Miguel Paz Sixto, tesoureiro; e Siro Maseda Varela e Xavier Berdeal-González Berdeal, coma vogais.