“Abrazo das xentes bravas na fronteira do alternativo”, “Romería 4.0”, “Festa fin de vrao” e un bo lote de calificativos máis saían nos medios estes días. Repetíndose en todos que o Festival Osa do Mar se consolida como unha oferta musical única, con un cartaz arriscado que mezcla diferentes estilos e con propostas complementarias atractivas.
Fanto Fantini non se achica e segue a crer que hai espazo para este tipo de propostas. O plantexamento inicial era crear tres emplazamentos para os concertos: o paseo da Marosa para a tarde con un escenario precioso, as terrazas de catro locais de Burela para a Sesión Bearmú do sábado a mediodía e como centro neurálxico o recinto Osa do Mar para a tarde noite. Todo aderezado con actividades complementarias para todas as idades e gustos: exhibición de graffitis, exposición de fixies e vehículos clásicos, Ruta BTT, Campeonato de BMX, Skate e Roller, obradoiros e xogos para os máis pequenos, unha alfombra floral…
Con todo preparado para dar comezo á segunda edición e sen risco de auga apareceu o ingrediente que colorearía toda a fin de semana: o nordés. A natureza quixo facerse sentir e poder ser parte do Osa do Mar en cada recuncho polo que adoptou unha das formas que máis controla por esta zona e o nordés soplou na xente, na carpa, polos ocos do escenario, no backstage, á Osa do Mar, no bar e en cada caixa de peixe que decoraba o recinto para que ninguén se fóra de Burela sen saber que estaba presente.
Despois das actuacións do grupo local Preto Style e de Anibal Anisakis no paseo da Marosa un padriño de luxo como Miguel de Lira (que nos dará rosca en Pascua) deu o sirenazo de saída a unha segunda edición que prometía fortes emocións. Banda Crebinsky trasladounos aos balcáns galegos coa súa música, os portugueses Black Bombaim hipnotizáronnos cos súas guitarras, Rosvita foi unha fichaxe de última hora acertada e comezou a mover os corpos, Sra Sr Sra subiu as voltaxes co seu ruido e explosivas cancións, uns entregados Novedades Carminha daba un concertazo facendo ver que eran un dos pratos fortes, a clase de Toundra deixounos ver que é unha das mellores bandas estatais de rock instrumental, con unha transformación mutante puidemos ver a Cuchillo de Fuego convertíndose nun dos grupos que máis sorprendeu ao público para rematar coa actuación de Nistra que puxo a guinda perfecta a un potente venres.
O sábado comezaba cedo, ás 12:30h soaban os primeiros acordes da “Sesión Bearmú” con The Lost Omelette Makers animando ao cada vez máis numeroso público no Boas Migas, Álex Casanova trasladounos aos 80 co seu pop electrónico nun Traste que seguía a recibir aos menos madrugadores, coa alfombra florar e os xogos das nenas e nenos ao fondo os True Mountains agasalláronnos con un impresionante concerto rodeados de xente na terraza da cervecería Kiko para rematar con uns espectaculares The Blind Crows nunha terraza do Nordés a reventar.
Pola tarde, con un fondo de escenario pouco corrente, as Batuko Tabanka primeiro e Bala despois amosaron o forza femenina desde dous puntos diferentes de entender a música.
Xa no recinto principal comezaban os Sofá Ambulante para ir abrindo boca, When Nalda Became Punk trouxono o seu indie pop vigués, con Hexany caeu a noite e aumentou a intensidade en unha actuación para o recordo, as guitarras de Disco las Palmeras! ametralláronnos, a enerxía e calidade de Sexy Zebras levantou a toda a Marosa nunha das actuacións que máis gustou ao público, recuperando o alento chegou o rock místico de Capsula que demostraron que a súa longa traxectoria é por algo, desde Ourense chegaron os Monstruo para convertirse nunha das revelacións do Festival e a electrónica experimental de Pálida pechou unha trepidante xornada.
Un concepto comunitario de actuacións con diferentes estilos que convirteu ao Osa do Mar en un evento distinto que transmite ilusión. A organización está contenta coa resposta do público tanto nas actividades como en todos os concertos. Aínda que se superaron as 1.000 persoas por día non tiran cohetes xa que esperaban unha mellor resposta do público no recinto principal. Notouse un cambio de tendencia no público superando nesta ocasión a xente de fóra de Burela e da Mariña aos asistentes locais. Aumentando o número de tendas na acampada, o número de plazas hoteleiras ocupadas e o movemento na vila estes frenéticos días.
Desde Fanto Fantini queren dar as grazas a todos os patrocinadores, institucións e colaboradores que fixeron posíbel esta segunda edición do Osa do Mar. Tócalle descansar á Osa unha tempada para repoñer forzas e afrontar o desafío da terceira edición.