Viveiro, 10 de setembro de 2015.- SON VIVEIRO presentou para a súa inclusión no vindeiro Pleno unha Moción co fin de que os servizos técnicos municipais elaboren unha ordenanza fiscal que regule e posibilite o cobro dunha taxa fiscal por instalación de caixeiros automáticos nas fachadas dos inmobles con acceso directo desde a vía pública e que na mesma se fixe unha cota de 3000 € anuais por cada caixeiro instalado nas fachadas das entidades financeiras. Na Moción solicita, tamén, que non se aplique ningunha exención e que a nova ordenanza entre en vigor no vindeiro exercicio 2016.
Desde SON VIVEIRO, confían en que a Moción sexa aprobada por unanimidade. Non é lóxico que sexan sempre as veciñas e veciños, pequenas empresas e o comercio os únicos que paguen taxas e que as entidades financieiras non se corresponsabilicen e axuden a superar a crise que elas mesmas contribuiron a expandir.
Mentras uns pagan por ocupar a vía pública con feirais, estadas ou terrazas, sendo autónomos/as ou pequenos/as empresarios/as da hostalaría, outras entidades, como as financeiras, altamente subvencionadas por diñeiro público mediante o FROB, utilizan tamén a vía pública sen contraprestación.
Cada caixeiro move unha media de 5000 euros diarios, o que significa máis de 2 millóns de euros anuais, cifras que amosan a gran rendibilidade que obteñen os bancos e as caixas, que ademais de prestar un servizo de 24 horas apenas necesitan mantemento, o que posibilitou o despedimento de moitas traballadoras e traballadores do sector, segundo argumentan desde SON VIVEIRO.
O Tribunal Supremo recoñece que existe unha utilización especial do dominio público que beneficia á entidade financeira e que xustifica, por tanto, o cobro de dito imposto por parte dos concellos.
Esta nova taxa terana que aboar os bancos e caixas e non suporá ningún prexuízo para o consumidor, xa que son estas últimas entidades, e non os usuarios e usuarias, as que se benefician desta utilización do dominio público.
O Alto Tribunal estima, así mesmo, que se non existira a actividade nas rúas ao utilizar os caixeiros, non existiría tampouco o servizo prestado, cuxo desenvolvemento é trasladado desde o interior da entidade á vía pública; ademais, utilízase o dominio público para algo especial, ben distinto ao uso xeral colectivo da devandita vía.
SON VIVEIRO non entende como tanto o PSOE, cando gobernou co BNG ou cando o fixo en solitario, nin o PP desde a oposición no concello de Viveiro que atravesa unha situación económica crítica, debida en parte ao descenso de ingresos nas arcas municipais non aplicaran en anos anteriores esta taxa, tal e como veñen facendo gran parte dos concellos. Esta medida contribuirá a mellorar as finanzas públicas achegando preto de 25000 €/ano cos que poder atender necesidades sociais da veciñanza da nosa cidade.
Texto da moción
Víctor Marcial Miranda Gómez, concelleiro de SON VIVEIRO no Concello de Viveiro, vén a formular para a súa aprobación a seguinte:
MOCIÓN PARA A IMPOSICIÓN DUNHA TAXA POLA INSTALACIÓN DE CAIXEIROS AUTOMÁTICOS NAS FACHADAS CON ACCESO DIRECTO DESDE A VÍA PÚBLICA
O Tribunal Supremo deulles vía libre aos municipios para poder cobrar a caixas e bancos pola utilización intensiva que os caixeiros automáticos fan dos espazos públicos, contrariamente ao defendido pola patronal das caixas de aforros, a CECA. Nunha sentenza, a Sala de lo Contencioso-Administrativo recoñeceu finalmente a lexitimidade para poder cobrar una taxa municipal polos caixeiros automáticos instalados nas fachadas das entidades financeiras.
Segundo o fallo do Alto Tribunal, os caixeiros automáticos “constituyen auténticas oficinas de urgencia de las entidades financieras” que ofrecen servizos de forma continua e obteñen o conseguinte proveito económico. A sentenza do Supremo considera que a maior intensidade no uso do espazo público proporciónalles ás entidades de crédito un beneficio específico e exclusivo que poderá ser gravado con taxas locais.
A sentenza senta así xurisprudencia para outros procesos abertos entre entidades bancarias e algúns concellos, que actualmente aplican tarifas. O Supremo desestima a impugnación da CECA e dálles vía libre a todos os municipios. O Tribunal Supremo (TS), nunha sentenza do 11 de febreiro de 2009, avala que os concellos lles cobren ás entidades financeiras unha taxa polos caixeiros automáticos que se sitúan na vía pública, con independencia, segundo se desprende do escrito, de que o caixeiro se prolongue ou non por detrás da fachada.
O Alto Tribunal desestima o recurso de casación interposto pola patronal das caixas, CECA, e confirma a legalidade da ordenanza que un determinado concello cobra por esta taxa. Nesta primeira sentenza súa ao respecto, o TS crea xurisprudencia e recoñece que nestes supostos existe unha utilización especial do dominio público que beneficia á entidade financeira e que xustifica, polo tanto, o cobro de dito importe por parte dos concellos.
É unha nova taxa que terán que aboar os bancos e as caixas, sen prexuízo para o consumidor, “ya que son los que se enriquecen de esa utilización del dominio público, y no los usuarios”. O Alto Tribunal argumenta que se no existira a actividade nas rúas ao utilizar os caixeiros, non existiría tampouco o servizo prestado, cuxo desenvolvemento, ademais, é trasladado dende o interior da oficina bancaria á vía pública. Ademais, utilízase o dominio público para algo “especial”, ben distinto do uso xeral colectivo da vía pública.
Por todo isto, propoñémoslle ao Pleno os seguintes ACORDOS:
Primeiro: Elaborar e aprobar a ordenanza fiscal reguladora da taxa por instalación de caixeiros automáticos nas fachadas dos inmobles con acceso directo desde a vía pública e que na mesma se fixe unha cota de 3000 € anuais por cada caixeiro instalado.
Segundo: Que non se aplique ningunha exención.
Terceiro: Que a súa elaboración e posterior aprobación teña carácter urxente para, así, aplicar dita taxa no vindeiro exercicio.