Lugo 23 de outubro de 2015.- O voceiro do Grupo Provincial do Partido Popular, Carlos Armesto, invitou na mañá deste venres ao presidente da Deputación, Darío Campos, a informarse un pouco mellor do funcionamento da institución xa que, tras as declaracións feitas esta mañá sobre o período de pago das facturas, “parece que lle queda grande o cargo”.
“Darío Campos debe informarse da realidade antes de saír e facer declaracións públicas que demostran a súa falta de coñecemento sobre a institución. Cando non se ten experiencia, nin goberno, pódense dar estas circunstancias, que lamentamos e agardamos que non se repitan”, di Armesto.
O voceiro explícalle ao presidente da institución que nos informes relativos ao cumprimento de prazos, colgados na propia páxina web da Deputación, pode comprobar que o anterior Goberno do Partido Popular actuou sempre dentro da normalidade que imperaba na Deputación. Polo tanto, “evidénciase que non hai ningún tipo de paralización política. O compromiso dos populares foi claro e evidente”, asegura.
Armesto lembroulle a Darío Campos que en maio de 2015, o importe pendente de pago superaba os 5,3 millóns de euros; mentres que o de xuño os 4,3. A maiores de que, os períodos medios de pago dos dous meses citados superaban os 30 días establecidos por lei. “Cando chegamos ao goberno había máis de 4 millóns en pagos pendentes e, en menos de tres meses, logramos rebaixar esta cifra en máis dun millón”, exemplifica Armesto.
Traballo dende o primeiro día
O voceiro dos populares asegura que o “Goberno de Elena Candia púxose a traballar dende o primeiro día, facéndolle fronte a todos os pagos que pasaran o proceso de fiscalización e xa estaban listos para a súa firma, mesmo o propio día da moción de censura o deputado responsable asinou todos os pagos fiscalizados pendentes”. Armesto engade que Darío Campos debería coñecer que “a orde de pago dos gastos non se pode facer antes de que se realice a correspondente fiscalización nos servizos correspondentes”.
A maiores, Armesto explica que non só se pagaron as facturas fiscalizadas, “tamén validamos facturas, tras que o anterior Goberno bipartito da Deputación incorrera en irregularidades administrativas e non seguira os pasos oportunos na súa tramitación”. O voceiro cifra que só nunha Xunta de Goberno, o PP validou facturas por un importe superior aos 104.000 euros que correspondían a servizos tan básicos como “o alumeado, a seguridade da administración ou a telefonía, ademais de alimentos para a Granxa Gayoso Castro”. Un feito que demostra a “falta de xestión e de responsabilidade dos socialistas e dos nacionalistas na Deputación”, matiza.
Quince días sen Goberno provincial
Por último, Armesto asegura que “manterémonos á expectativa de cal será o resultado deste informe de intervención no mes de outubro, tras quince días sen goberno provincial e, polo tanto, sen un deputado responsable da área de Facenda. Quince días nos que non se asinan os pagos fiscalizados”.