Ribadeo, 23 de novembro de 2015.- O Concello de Ribadeo vai contratar a catro persoas (monitores de patinaxe) para atender a pista de xeo natural que estará instalada no parque de San Francisco de Ribadeo do 18 de decembro ao 10 de xaneiro. Así o anunciou o alcalde, Fernando Suárez, que tamén indicou que as bases do concurso están xa colgadas na páxina web do Concello (www.ribadeo.gal) e que o prazo para presentar as solicitudes acaba o 2 de decembro ás 14 horas.
O rexedor explicou que “estas contratacións están dentro das actuacións previas que ten que levar a cabo o Concello de Ribadeo para instalar esta pista de xeo natural, que queremos ter operativa dende o 18 de decembro ao 10 de xaneiro. Sen dúbida vai atraer moita xente a Ribadeo esta iniciativa que levamos a cabo dende o Concello de Ribadeo coa colaboración de Acisa, a asociación de comerciantes”. Suárez Barcia contou que “agora temos que seleccionar o persoal, os monitores de patinaxe, que en número de catro persoas son os que establecemos que teñen que estar operativos durante eses días. Este persoal ten que facer labores da atención ao público, préstamos de patíns, vixiar o cumprimento horario, vender os tíckets, recoller os vales dos comercios ou facer a vixilancia da pista. Polo tanto, xa están listas as bases para a contratación destas catro persoas para estes días. Os interesados poderán presentar a documentación ata o día 2 de decembro ás 14 horas. Para maior información as bases están colgadas xa na páxina web do Concello para que todos os posibles aspirantes que crean estar en posesión dos requisitos que se establecen presenten a súa solicitude antes de que acabe ese prazo”.