Lugo, 29 de decembro de 2015.- O secretario do Parlamento galego e deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, animou aos veciños das parroquias polas que discorre o Camiño de Santiago a acollerse e aproveitar ás axudas da Xunta de Galicia dirixidas á rehabilitación de vivendas.
Desde onte o Goberno galego mantén aberto o prazo de solicitude destas axudas cuxa orde de convocatoria publicaba onte o Diario Oficial de Galicia e á que pode accederse a través deste enlace: http://goo.gl/5SDHe4 Ademais, na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), tamén existe un documento no que se detallan os puntos clave destas subvencións: http://goo.gl/048jkS.
ATA 11.000 EUROS POR VIVENDA
Balseiro lembra que os solicitantes destas axudas poderán financiar con cargo a estas subvencións ata o 35 por cento do orzamento das obras de rehabilitación, cun límite de axuda de 11.000 euros por vivenda.
As subvencións poderán concederse tanto ás persoas individuais propietarias de edificios ou vivendas, como a comunidades de propietarios e agrupacións de comunidades de propietarios, sempre que as actuacións subvencionables se adapten ás normativas vixentes en materia de edificación, accesibilidade, patrimonio cultural e urbanismo.
Como novidade estas axudas, nas zonas rurais, non só estarán limitadas a aqueles inmobles situados estritamente na ruta, senón a todas as vivendas incluídas na parroquia pola que pasa un dos Camiños de Santiago. Non se inclúen nestas axudas as vivendas emprazadas noutras Áreas de Rehabilitación Integral xa declaradas.
TRES RUTAS NA PROVINCIA DE LUGO
A Área de Rehabilitación do Camiño de Santiago foi declarada no ano 2010 e comprende o trazado das sete rutas do Camiño galego que, no caso da provincia de Lugo serían:
• Camiño Francés. Desde Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela (Pedrafita, Triacatela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei)
• Camiño Primitivo. Desde A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés (A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Palas de Rei)
• Camiño Norte. Desde Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés (Ribadeo, Trabada, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Begonte, Guitiriz, Friol)
POSTA EN VALOR DUN ENTORNO SINGULAR
Balseiro rematou lembrando que con este programa o Goberno galego quere contribuír á posta en valor da paisaxe dos Camiños de Santiago como activo singular de Galicia, a través da recuperación do patrimonio residencial construído na ruta, configurado ao longo dos séculos como un sinal de identidade do país.
Así mesmo, a Xunta entende que esta iniciativa contribuirá a dinamizar desde o punto de vista xeográfico e económico as zonas polas cales pasan os Camiños de Santiago, que transcorren en gran medida por territorio rural.