Ribadeo, 29 de decembro de 2015.- O presidente do Partido Popular de Ribadeo e voceiro do Grupo Municipal do PP, Jesús López Penabad, acompañado de edís populares, presentou este martes a moción que o Partido Popular leva para o seu debate na próxima sesión plenaria municipal e a través da que procuran que o alcalde garanta o carácter público da futura residencia, evitando calquera tentación de privatización “Dende o PP estamos e estaremos sempre en defensa da residencia de Ribadeo”, di.
Os populares recordan que o secretario municipal no seu informe establece que o órgano competente para adoptar o acordo sobre a futura xestión da residencia é o pleno, polo que dende o PP instan a un posicionamento neste sentido do conxunto da corporación: a residencia ten que ser pública e municipal. Dun xeito preciso, o punto dacordo da moción cita o seguinte: “Promover as xestións necesarias para garantir que a futura residencia para persoas maiores que está a construírse na localidade sexa xestionada polo Concello, garantindo o seu carácter público”.
Jesús López Penabad explica que unha residencia privatizada suporía prazas e prezos inasumibles pola maioría dos veciños e familias de Ribadeo. “Elevados prezos que botarían por terra un dos compromisos que no seu día acordamos todas as forzas políticas e sociais: que os veciños de Ribadeo tiveran preferencia e acceso ás prazas do futuro centro”, considera.
O presidente dos populares lembra que “o alcalde está a manobrar para que a Xunta de Galicia non colabore coa residencia o que pode deixar entrever as sospeitas que adiantamos en varias ocasións, ás da privatización da residencia, o que suporía deixar fóra a moitos veciños de Ribadeo e non o permitiremos, por iso buscamos compromisos serios, firmes e por escrito. Pedimos traballo, xa que se o alcalde hoxe non ten o diñeiro da Xunta é porque non quere, ten que explicar que intención agocha”.
Bloqueo do alcalde de Ribadeo
Dun xeito máis concreto, o popular recorda que a día de hoxe o Goberno municipal de Ribadeo non atendeu aos requirimentos de documentación da Xunta de Galicia, pendentes dende agosto de 2014. É dicir, non achegou o informe de viabilidade e informe de non duplicidade, imprescindibles segundo esixe a lei, para a colaboración económica do Goberno galego. “Dende o PP de Ribadeo defendemos a aplicación da lei con rigor e rexeitamos a situación de bloqueo provocada pola actitude do alcalde, máis interesado en boicotear a colaboración da Xunta”, reitera.
“Como é lóxico”, matiza López Penabad, “a administración autonómica terá que poder xustificar que entrega medio millón de euros para algo máis que para simple cemento e ladrillos, terá que saber como vai a xestionarse e manterse esa futura residencia. E como xa dixen antes, probablemente a negativa a elaborar estes informes ten por obxecto agochar aos veciños aspectos claves tales como quen vai a xestionar a futura residencia, se o Concello ten capacidade para afrontar este servizo ou se a única alternativa é a privatización”.
Ante esta situación, a través desta iniciativa plenaria os populares tamén esixen a Suárez Barcia que remita á maior brevidade posible os informes que reclama a administración autonómica para poder asinar o convenio de colaboración económica proposto pola Xunta e, en particular, os informes de viabilidade e non duplicidade previstos na lexislación vixente.
Aposta clara do Partido Popular
O presidente do Partido Popular local deixa claro que o Grupo popular defende a necesidade de dotar ao municipio dunha infraestrutura pública para o coidado das persoas maiores e dependentes residentes na localidade. Unha afirmación que, segundo o popular, está demostrada con feitos.
“Cando gobernamos na Deputación visitáronse as instalacións, apoiando e ratificando a continuidade das obras de construción e, desde a Xunta, outorgando a autorización oportuna para a creación do centro”. A maiores, o Goberno galego evidenciou en múltiples ocasións a súa vontade de colaborar no financiamento da obra desta nova residencia e na dotación do futuro mobiliario e mesmo a dia de hoxe, a Xunta mantén, ratificado en sede parlamentaria, a súa oferta de colaboración económica e sinala que estaría en disposición de achegar os cartos comprometidos a pesar de que o bloqueo do alcalde fixo que se superasen as anualidade previstas inicialmente.
“O que non entendemos é porque o Concello se dedica a dar portazos á colaboración do Goberno galego. Primeiro manobran para deixar fóra á Xunta tras rexeitar a oferta inicial pola que o Goberno galego se comprometía a investir cada ano entorno a 700 mil euros concertando 40 das 47 futuras prazas da residencia e a posteriori, bloquean a axuda de medio millón de euros que a Xunta ofrece para axudar no financiamento da construción do futuro centro”, analiza.
“Os populares cremos que a mellor defensa dos intereses dos nosos veciños requiren de acordos e menos partidismos. Para iso é necesario que cada quen poña da súa parte, empezando polo alcalde, que pode mañá mesmo remitir unha documentación que lle esixe a lei e pola que a Xunta leva dezaseis meses agardando co silencio como resposta”, conclúe.