Cervo, 16 de xaneiro de 2016. Ante as declaracións realizadas nas últimas horas por representantes da Deputación Provincial de Lugo sobre a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula o estudo de detalle para a construción dun edificio na parcela anexa ao Museo do Mar, de San Ciprián, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, pídelles prudencia, sensatez e responsabilidade.
“Aos responsables da Deputación que se manifestaron con respecto á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia relativa a esa parcela adxacente ao Museo do Mar pídolles tres cousas: prudencia, sensatez e tamén responsabilidade. En primeiro lugar solicito prudencia porque esta sentenza aínda é recorrible e a propietaria do terreo pode facelo; nós, desde o Concello, xa manifestamos que non vamos facer ningún tipo de apelación a esta sentenza porque xa dixemos que nos atopamos completamente satisfeitos co ditame desta sentenza do Tribunal Superior. Por outra parte, pido sensatez porque nas declaracións dos representantes da Deputación que saíron na prensa vexo que se arrogan unha serie de funcións que non son nin moito menos as que teñen que levar adiante os responsables políticos; arróganse funcións técnicas como se un político puidera manipular ou dicir o que un técnico ten que escribir ou deixar de facelo e incluso dá a sensación de que ás veces son os políticos os que fan eses informes técnicos e arrogarse ese tipo de funcións é unha irresponsabilidade grande que incluso pode ser delituosa. E tamén solicito sensatez á hora de manifestar unha suposta conivencia do Concello coa propietaria do terreo, porque son coñecedores todos perfectamente dun escrito que a propietaria dirixiu a este Concello xa hai un pouco máis de tres anos, no que nos acusaba de prevaricación, por unha parte, por non levar este estudo de detalle a aprobación, tendo todos os informes técnicos preceptivos e vinculantes favorables; e tamén nos acusaba de desviación de poder. Por iso, á vista deste informe, falar de calquera tipo de conivencia do Concello con esta propietaria é unha falta de sensatez moi grande, ademais de faltar a verdade”, manifestou este sábado o rexedor municipal cervense.
Alfonso Villares engadiu que pide tamén responsabilidade aos responsables da Deputación Provincial de Lugo porque “evidentemente o máis importante de todo e o queren os veciños, non soamente deste concello senón tamén doutros lugares da provincia que teñen un cariño especial a todo o vinculado ao mar e ao Museo do Mar en concreto, é que se aumenten as instalacións deste museo”. E recordou que “hai un acordo plenario, que xa foi aprobado aló polo ano 2007 coa unanimidade de todos os grupos políticos da corporación de Cervo e tamén da Deputación, no que se dicía que ten que ser o organismo provincial o que ten que comprar eses terreos para ampliar o Museo Provincial do Mar. Eu creo que a iso é ao que nos temos que dedicar e esta sentenza pode favorecer aos responsables da Deputación nas negociacións para a compra dese terreo, que é o que desexamos non soamente os responsables políticos senón tamén todos os veciños e todos os amantes do mundo do mar. Estas son as cuestións que eu formulo e que xa foron postas en coñecemento dos responsables políticos da Deputación. No que temos que traballar todos os representantes políticos é para que eses terreos sexan comprados por quen todos acordamos que tiña que facelo, que é a Deputación Provincial de Lugo”.