Cervo, 15 de xaneiro de 2016.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, manifestou este venres que está satisfeito coa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula un estudo de detalle para a construción dun edificio nun solar anexo ao Museo do Mar, de San Cibrao, e anuncia que o Concello non a recorrerá. O rexedor municipal espera que agora a Deputación Provincial de Lugo compre ese terreo para ampliar o museo.
Alfonso Villares explicou: “desde o Concello de Cervo atopámonos satisfeitos con esta sentenza, porque era un estudo de detalle que foi promovido por unha particular xa desde o ano 2005 e que requiría obrigatoriamente os informes de Costas, de Patrimonio, de Urbanismo, tamén do Concello; e todos eles eran favorables. Pero desde o Concello pedimos a maiores informes a organismos aos que non era obrigatorio solicitarllos porque era un expediente que para nosoutros tiña moita dificultade. Polo tanto aprobouse este estudo de detalle, despois de recibir varias cartas da promotora, escritos dirixidos ao Concello nos que incluso nos acusaba dunha posible prevaricación por estar alargando a aprobación dese estudo de detalle. Ao final foi a pleno e foi aprobado co noso voto, evidentemente porque os informes eran favorables. A Deputación por un recurso ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que anula este estudo de detalle e agora hai 10 días para recorrer, pero evidentemente o Concello de Cervo non vai presentar ningún recurso a esta sentenza, nin moito menos. Nosoutros estamos satisfeitos con esta decisión, polo que non vamos recorrela. O que non sabemos é se propietaria recorrerá ou incluso presentará outro estudo de detalle”.
O alcalde cervense tamén comentou que o goberno municipal “seguirá insistindo para que dende a Deputación de Lugo, como xa lle foi trasladado ao presidente do organismo provincial nunha entrevista que tiven con el hai unhas semanas, se cumpra o acordo plenario do Concello de Cervo no que todos os grupos aprobamos favorablemente que se compren por parte da Deputación Provincial estes terreos para unha posterior ampliación do Museo do Mar. Este é o obxectivo fundamental: que eses terreos sexan comprados pola Deputación para aumentar o Museo do Mar. Esperamos que esta situación, coa anulación deste estudo de detalle, favoreza esa compra”.