Ribadeo, 24 de febreiro de 2016.- Confitería La Alianza, negocio nado en Mondoñedo pero que tamén conta con establecemento na rúa San Roque da vila ribadense, presentará a Rosca de Ribadeo. O acto, que terá lugar no Parador de Turismo este xoves a partir das sete e media da tarde, contará coa participación do alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia. O evento será presentado pola xornalista lucense María José Fernández Azpeitia.
O acto comezará no salón San Roque do Parador e, ademais da do alcalde, contará coas intervencións do fundador de Confitería La Alianza, Pablo Redondas Losada, e do seu fillo, que é o actual propietario do negocio e o creador da Rosca de Ribadeo: Guillermo Redondas Vallejo. Alí explicará como xurdiu a idea de crear este produto, como se elabora, os seus ingredientes e outros detalles deste doce. Tamén se darán a coñecer as caixas nas que se comercializa a Rosca de Ribadeo, envases que contan cun deseño moi orixinal baseado nunha obra do artista ribadense Monteavaro aínda que tamén se inclúen outras imaxes vinculadas á vila ribadense e a Mondoñedo.
A continuación na cafetería do Parador haberá degustación da Rosca de Ribadeo e tamén doutros produtos que elabora Confitería La Alianza acompañados cun viño.