Burela, 8 de marzo de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, mantivo un encontro cos organizadores do Correlingua 2016, que terá lugar en Burela o vindeiro 5 de maio.
O rexedor sinalou que “tiven a satisfacción de reunirme onte con responsables do Correlingua, que se vai celebrar en Burela o día 5 de maio e estiven falando con diversos profesores encargados de que vaia todo ben ese día e fixemos unha especie de programación para esa xornada”.
Llano suliñou que “imos contar en Burela con arredor de mil alumnos que van proceder de distintos sitios da Mariña. Van vir de todos os concellos posiblemente das etapas de Primaria e dos centros de Secundaria”. O rexedor burelés engadiu que “a pretensión do Concello é axudar tanto na corresponsabilidade da organización como despois de que todo vaia ben levado e ao mesmo tempo tamén aportar todos os espazos e aquilo que poidan necesitar os membros da organización para levar a bo fin esta edición do Correlingua”.
O alcalde salientou que “nosoutros tamén aproveitamos a ocasión para dar a coñecer, para promocionar o que é o noso concello dado que veñen moitos alumnos e profesores e algún acompañante, imos pasarlles información para que poidan, por exemplo, visitar o Barco Museo ou o porto de Burela. Poden ir ao Monte Castelo ou á Vila do Medio a ver as pinturas da nosa capela. Procurar que si quedan libres ou veñen antes de tempo teñan onde poder ir, teñan cousas que visitar”.
Alfredo Llano declarou que “o Correlingua deste ano vai ter unha serie de actividades, a principal vai ser desde A Marosa quen se apunte para elo virá correndo ata a praza da Mariña, e tamén vai haber unha serie de actuacións musicais, recital de poesía e intervencións dos alumnos”. Llano rematou dicindo que “nosoutros imos facer todo canto poidamos para que isto sexa un día de celebración e lembranza do noso idioma, o galego”.