Cervo, 8 de marzo de 2016.- O Concello de Cervo presentou o equipo de baloncesto mixto das escolas deportivas municipais cun acto ao que asistiron o alcalde, Alfonso Villares, e o concelleiro de Deportes, José Ramón Soto.
O edil de Deportes explicou que este equipo “compite a través das escolas deportivas do Concello nas categorías de alevín e benxamín con outras formacións da Mariña e estreou indumentaria, que foi aportada polo Concello de Cervo. É unha mostra máis de que o Concello segue apostando polo deporte base, sendo o principal obxectivo intentar axudar á formación dos nenos a través da diversión, xogando e relacionándose en grupos; e sobre todo gozar e poder sacar os mellores resultados para a súa formación, tanto deportivos como sociais e persoais. Isto, sen lugar a dúbidas, é unha boa base que favorece moito o crecemento dos nenos en ambientes saudables”.
José Ramón Soto engadiu que “as escolas deportivas do Concello de Cervo, que tamén inclúen actividades para adultos, levan funcionando desde o ano 2007 de forma continuada cunha masiva participación dos nenos e nenas do municipio, xa que nestes momentos temos un total de 212 inscritos nas distintas categorías. Aparte do baloncesto temos fútbol sala, patinaxe, pequexogos, deportes de raqueta, voleibol, pádel, pilates, aerobic, ximnasia de mantemento,… Algúns deles participan en competicións escolares, como son o fútbol sala e o baloncesto. E en deporte federado contamos co equipo feminino de voleibol recentemente formado, que é o único na Mariña e disputa o campionato xuvenil feminino de Terceira División”.