Alfoz, 3 de marzo de 2016.- Coa intención de facer unha homenaxe a todas as mulleres en xeral e, sobre todo, a todas as mulleres de Alfoz, a aquelas que nos deixaron e que traballaron por este concello, e ás que están a loitar polo futuro do seu pobo onde queren poder seguir traballando, Veciños Independentes de Alfoz convoca unha ofrenda floral que se levará a cabo o vindeiro domingo 6 de marzo ás 11:30 horas nas inmediacións do Castelo de Castro de Ouro, convidando a todos os veciños e veciñas que libremente queiran participar no acto.
Seguindo a iniciativa levada a cabo o ano pasado, Carmen Geada, Concelleira de Igualdade e Benestar do Concello de Alfoz, lerá uns versos enxalzando o enorme traballo das nosas mulleres e, posteriormente, depositaranse doce caraveis brancos no cruceiro do Castelo de Castro de Ouro. Brancos como símbolo da paz e doce por ser os meses do ano, pois debemos honrar ás nosas mulleres tódolos días.