Lugo 12 de marzo de 2016.- “Fronte ao Goberno estable de Feijóo, en Lugo temos un desgoberno na Deputación e outro no Concello”, asegurou o presidente provincial de Novas Xeracións, Daniel Vega, que se amosou moi critico coa campaña que está a promover Xuventudes Socialistas sobre o presidente do PP e da Xunta, coa que o único que conseguen é “ensuciar a cidade e a política”, di.
O popular fai estas declaracións despois dos panfletos que se están a repartir pola cidade de Lugo nos que citan Cantas cagadas de Feijóo coñeces? e pídelle aos socialistas que “se preocupen e se ocupen por gobernar a súa casa, posto que non están para dar exemplo a ninguén”. Neste senso, o mozo de Novas Xeracións enumera como mostra o Goberno do PSOE na Deputación “incapaz de sacar adiante unha soa medida, como así evidencia o feito de que non foran capaces nin de aprobar uns Orzamentos para a provincia”.
Vega censura que os mozos de Xuventudes Socialistas en lugar de propoñer ideas destinadas a mocidade “o único que fan é un reparto de carteis de moi mal gusto”. O presidente da formación xuvenil lembra que o PP “foi o único Goberno capaz de elaborar un plan para a mocidade”. “O que está claro é que mentres uns traballan, outros reparten panfletos”, remarca, ao que engade que “Feijóo cumpre e toma medidas que benefician aos cidadáns mentres o PSOE o único que fai é repartir uns folletos cos que ensucian a cidade e a política”.