Burela, 5 de abril de 2016.- O CD Burela FS Pescados Rubén espera este mércores a Selección de Guatemala apostando polo Futuro Laranxa para a cita solidaria, cuxa recadación con Fila 0 (2 euros/entrada) irá destinada á Asociación Camiña e a Fundación Eu Son. Vista Alegre acollerá o amigable a partir das 20.30 horas, coa novidosa presenza dos xuvenís Christian Rivas, ‘Pitero’, e Sergio Cora, ademais de Alemán, do Burela FS B, na convocatoria mariñá.
“É un partido que nos debe servir para preparar a importante cita co Levante o venres, un partido no que espero que os máis novos aproveiten os minutos e aprendan do xogo na pista medíndose a un equipo de nivel” explicaba o técnico, Daniel Ibañes, que regresará temporalmente ao banco, antes de cumprir o seu segundo e último partido de suspensión na liga, esta semana. O adestrador burelista poderá dispoñer de toda a plantilla, a excepción de Mata, co regreso de Chano, tras o encontro de sanción, e Isi, tras molestias no xeonllo, ademais do xuvenil Renato, habitual dende comezos de tempada.
Aquelas persoas que non poidan asistir tamén poderán colaborar cos colectivos facendo as súas achegas en:
Asociación Camiña: ES90-2080-0109-16-3000085332 (Abanca)
Fundación Eu Son: ES77-2091-0109-83-3040018867 (Abanca)
Xira en Galicia
O enfrontamento co equipo Daniel Ibañes será o cuarto da Selección de Guatemala na súa xira en Galicia que arrancou este domingo en Noia (5-5). O luns mediuse ao Santiago Futsal (4-4) e hoxe farao co Cidade de Narón; tras a súa visita á Mariña, o xoves enfrontarase ao Leis Pontevedra.