Ribadeo, 13 de abril de 2016. O vindeiro luns, 18 de abril, ás 13.30 horas o salón de actos da antiga Casa Sindical acollerá unha charla informativa sobre Inspección no comercio local, segundo deu a coñecer este mércores Acisa. Na mesma participarán a directora xeral de Comercio da Xunta, Sol Vázquez, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e técnicos de comercio.
Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo animan a acudir a esta conferencia “na que se tratarán os deberes xerais dos comerciantes, os mercados de prezos, devolución de produtos, modificacións de normativa, e calquera outro asesoramento. Ademais, informaráselles sobre as infraccións leves, graves e moi graves que se poden cometer nun establecemento comercial”.
As persoas interesadas en asistir deben comunicalo vía correo electrónico a info@acisaribadeo.com ou chamando ao seguinte número de teléfono 982 120 565.