Galiza Nova, mocidades do BNG, desenvolveu durante as pasadas semanas na Mariña unha intensa campaña para espallar a Folga do vindeiro 13 de abril convocada por Erguer, organización unitaria do estudantado galego. O Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, que explicitou o apoio da mocidade do BNG á folga estudantil, afirmou que “esta non é só una mobilización contra os recortes do PP no ensino galego senón que tamén nos mobilizamos para derrubar definitivamente e toda a súa totalidade a LOMCE e impedir a aplicación do decreto 3+2”, que calificou de “ataque brutal contra o ensino público co que pretenden que a maioría do estudantado quede fora do ensino e pecharlle as portas da universidade”. Para Mera, “mentres no se derrogue totalmente a LOMCE e o 3+2 estaremos volvendo ao modelo educativo franquista, un retroceso de 50 anos co obxectivo de volver a un ensino máis españolizado e só para ricos.”
Segundo informan desde as mocidades nacionalistas, na Mariña realizáronse repartos do material e xuntanzas informativas cos estudantes dos diferentes centros. O responsábel comarcal, Martín Graña , indicou que “a campaña tivo unha extraordinaria acollida entre o estudantado e recabou o apoio de outros sectores da comunidade educativa, como o profesorado ou as nais e pais, afectados tamén por estas políticas de recortes.” Así mesmo, Graña informou dunha concentración convocada por Erguer para a propia xornada de folga diante do I.E.S. de Ribadeo as 11.00.
Desde Galiza Nova fan un chamamento á mocidade da Mariña a apoiar a Folga Estudantil do 13 de abril convocada polo estudantado galego e a acudir á concentración/manifestación porque, en palabras do Secretario Xeral da organización, “ou loitamos agora polo ensino público galego ou perderémolo para sempre, e só as elites poderán estudar.”