O Vicedo (Lugo), 8 de abril de 2016.- O voceiro socialista do Vicedo Vicente Parapar, lamentou este venres que o Alcalde Jesús Novo Martínez, xunto coa portavoz do PP na Deputación Provincial de Lugo, Elena Candia, queiran vender aos veciños do Vicedo a obra de Centro de Día desta localidade como unha xestión súa. Di que viñeron a “sacarse unha foto diante da Casa do Mar, dicindo que a obra vaise a executar grazas a un convenio que se asinou cando Candia era a presidenta da Deputación”.
O voceiro socialista denuncia que o PP ausentouse da votación do Pleno da Deputación “é dicir o Partido de Jesús Novo Martínez e Elena Candia non votaron a aprobación dos presupostos, polo tanto non votaron a favor da inclusión dese convenio, e agora queren vendernos que foi grazas a eles que existe unha partida orzamentaria”.
Subliña que o actual equipo de goberno da Deputación, que preside Dario Campos, “inclúe nos presupostos para este ano un convenio cando non tiña ningún compromiso adquirido”. A partida que esta aprobada ten un orzamento de 149.817,62 euros para equipamentos e reforma na Casa do Mar.
Vicente Parapar lembrou que a idea de converter a actual Casa do Mar nun Centro de Día foi do PSdeG do Vicedo, cando xa no ano 2007 a incluíu no seu programa electoral. Advirte ademais que ata o ano 2011 o PP non se preocupou do asunto, e mais tarde solicitou da Xunta a posibilidade de realizar esta obra.
O voceiro socialista di que en repetidas ocasións, o Alcalde Jesus Novo, manifestou publicamente “que a posibilidade de converter a Casa do Mar en centro de día era escasa, xa que había pouca xente interesada e o problema non é facer a obra senón despois en mantela”.
Por último empraza ao Alcalde e o PP “a non vender o que nin sequera aproba o seu Partido”, e pídelle que “traballe polo Vicedo, polo ben dos nosos veciños”, resumiu.