Trabada, 6 de abril de 2016.- O Colectivo Cultural Os Tres Pés de Trabada organiza o seu cuarto roteiro, o domingo 10 de abril. Desta volta o trazado será pola Fraga da Vilapena.
O percorrido ten unha lonxitude de 6 quilómetros que discorren no seu tramo inicial polo nucleo da Vilapena, por unha pista forestal e logo por sendeiros de escasa pendente e dificultade baixa que completaremos en 2 horas e cuarto.
A Fraga da Vilapena é un remanso de paz que ten unha extensión de 140 hectáreas que está situada nunha ladeira do Chaogrande cunha altura de 776 metros. Poderemos contemplar un magnífico bosque autóctono de carballos, castiñeiros, pereiras silvestres e abeleiras ou arbustos como arandeiras, ruscos, érbedos, e acivros.
O comezo da ruta sera no núcleo da Vilapena no que destaca o retablo barroco da sua igrexa ou a morrena terminal que son rochas que baixan nunha ladeira do Picato, no sendeiro polo cal nos adentráremos a fraga pasaremos a carón dunha fervenza de augas cristalinas e gran veleza, tamén contemplaremos algun burato no chan os cales son antigos carboeiros nos que se facía o carbón que usaban os ferreiros da zona, durante o percorrido nalgún tramo camiñaremos o carón do rego de Vilaforman coñecido noutros tempos por ser un afamado rio troiteiro, as parroquia da Vilapena e Vilaforman eran coñecidas polos seus cesteiros que ían buscar a fraga as xotas de castaño e carballo para facer as cestas que se podían ver nos mercados e feiras de toda a contorna.
A saída está prevista para as dez da mañá dende a Praza do Concello de Trabada en vehículos ata o lugar de partida da camiñata. A participación é libre e gratuíta e non fai falta anotarse por adiantado. Si se desexa pódese levar algo para picar xa que a metade do percorrido faremos unha pequena parada para recuperar forzas.
Os interesados en obter máis información poden poñerse en contacto coa asociación no correo ostrespes@gmail.com ou facebook Ostrespes Trabada.
O Colectivo Cultural decidiu organizar estes roteiros para dar a coñecer os magníficos paisaxes e lugares cos que conta Trabada; así como promocionar o noso patrimonio natural e histórico. E para concienciar que se protexan estes espazos naturais de incalculable valor por que a Fraga que visitaremos este ano e unha das catro que ten o noso concello e todos debemos poñer da nosa parte para a súa conservación. O ano pasado fixemos o terceiro roterio que transcorreu pola Fraga da Becerreira e o ano anterior pola Ruta do Vento e o primeiro que foi no 2013 pola ruta da Fraga da Vilapena. Roteiros cos que a xente quedou fascinada. Esperemos que a este acuda moita xente porque tampouco defraudará a ninguén.