Foz, 11 de maio de 2016. Con motivo da celebración da romaría do Bispo Santo, desde este venres 13 ata o domingo 15, o Concello de Foz acaba de poñer en marcha unha campaña a través das redes sociais facebook, twitter e instagram para sensibilizar aos asistentes a este festexo sobre a necesidade de deixar limpos os lugares onde acampen. Entre os participantes nesta iniciativa sortearase unha cea para un máximo de 20 persoas.
A Delegación Municipal de Xuventude explica que “a campaña Eu coido o Santo é para sensibilizar ás persoas que acampan na festa do Bispo Santo. Realízase a través das redes sociais nas que ten presenza o Concello de Foz: facebook, twitter e instagram. Os participantes nesta iniciativa deberán colgar fotografías do antes e despois do seu campamento para ver como todo queda recollido, xunto cos datos da peña ou responsable. O prazo rematará o 18 deste mes de maio. Entre todos e todas os participantes sortearase unha cea para un máximo de 20 persoas”.
Con esta campaña o Concello de Foz pretende que os asistentes á romaría do Bispo Santo respecten o medio ambiente do lugar, que non fagan lume no chan, que non danen as árbores e que recollan o lixo separando vidro, plásticos e residuos orgánicos.