Burela, 11 de xuño de 2016.- A concelleira de Igualdade, Patricia Otero Rodríguez, mantivo un encontro coa secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, para seguir traballando en materia de igualdade e na loita contra a violencia de xénero.
A edil socialista contou que “entre outros temas abordamos un que dende a Concellería de Igualdade de Burela nos parece de suma importancia como é a posibilidade de contar no noso concello cunha vivenda de emerxencia para vítimas de violencia de xénero e para @s seus fill@s. Trasladámoslle á secretaria xeral de Igualdade a necesidade de contar cunha vivenda de ditas característica, xa que na Mariña non existe ningunha. A casa de acollida más próxima, para vítimas de violencia de xénero, é a que existe en Lugo”.
Patricia Otero comunicoulle a López Abella que “contamos cunha vivenda para destinala a este fin, pero necesita ser rehabilitada e acondicionada para podela empregar como piso de emerxencia para vítimas de violencia de xénero. Se ben é certo que o Concello de Burela deixou unha partida de 30.000 euros no orzamento deste ano para executar obras en dita vivenda, necesitamos maior financiamento, e así llo transmitimos á secretaria xeral de Igualdade”.
A concelleira de Igualdade explicou que “neste primeiro encontro, amosouse colaboradora e comprometeuse a buscar vías de financiación para axudarnos a sufragar os gastos derivados da posta en marcha desta vivenda. Persoalmente saín contenta do encontro, e entendo que imos traballar cóbado con cóbado as dúas administracións para poder contar cunha vivenda de acollida temporal para as vítimas de violencia de xénero e d@s seus fill@s. Quedamos en manter novos encontros, cando xa teñamos listo o proxecto de dita obra así coma a correspondente memoria”.
Otero Rodríguez lembrou que “non podemos pasar por alto, que o Concello de Burela conta cun Centro de Información á Muller propio de xestión compartida, que non presta só servizos ás veciñas de Burela, senón tamén, a poboación de Cervo, Alfoz e Valadouro, debido aos convenios subscritos con ditas entidades locais. O CIM de Burela conta con tres traballadoras experimentadas na materia como son: unha psicóloga, unha avogada e unha administrativa, que serían pezas fundamentais no futuro funcionamento da vivenda de emerxencia para vítimas de violencia de xénero”.