A Mariña, 6 de xuño de 2016. O colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña manifestarase o próximo 10 de xuño en Compostela, xunto con outras plataformas comarcais galegas, coa intención de lembrar que o trato fiscal segue sendo discriminatorio para aquelas persoas que tivemos que emigrar en décadas pasadas. O colectivo pon a disposición un autobús co prezo de 10 euros por persoa, podendo anotarse nos teléfonos 982 140 654 ou 636 500 651.
O colectivo mariñao denuncia que nos meses da fallida conformación do goberno no Estado, ningunha das formacións políticas con representación no Congreso e Senado falou en ningún momento da súa problemática, ignorando as mais de 250.000 persoas afectadas, só en Galiza.
Con esta mobilización pretenden meter na axenda dos debates políticos previos ás eleccións xerais, mais especialmente acadar o compromiso das formacións políticas cara a resolver o seu problema, goberno quen goberne no futuro.
Emigrantes Retornad@s da Mariña volven lembrar que as súas reivindicacións seguen vixentes polo que baixo o lema “XUSTIZA E IGUALDADE” demandarán a paralización da lei Montoro e a urxente modificación das leis tributarias no seguinte sentido:
*Impulsar un compromiso de todos os partidos políticos, para que unha das primeiras medidas que se tomen na nova lexislatura sexa a de ORDENAR a PARALIZACIÓN do PROCESO do plan Montoro, que está levando a cabo o Ministerio de Facenda contra o colectivo de pensionistas e xubilad@s, desde o ano 2013, por inxusto e discriminatorio e poñer punto e final o calvario a que estamos sometidos pola AT milleiros de cidadás e cidadáns galegos.
*Lexislaranse con urxencia as leis necesarias que enchan o baleiro que fai anos que existe e que ao noso modo de ver e unha das causas principais deste grave problema.
“Non a aplicación da lei con carácter retroactivo e polo tanto que se nos devolva o que pagamos inxustamente. “A modificación da lexislación actual para que o tratamento fiscal das nosas pensións sexa equivalente a de calquera outro pensionista.
“Unha lexislación clara na que en virtude do establecido nos diferentes tratados bilaterais, se establezan os dereitos e obrigas de cada caso, incluíndo o recoñecemento de oficio do grao de invalidez recoñecido no país de orixe da pensión.
“Asumir o contido das sentencias xudiciais que en virtude do artigo 19 do tratado bilateral hispano-alemán vixente até o 31 de decembro 2012, que exime de tributación no Estado español as pensións percibidas en Alemaña antes do exercicio 2013, e en consecuencia procédase a devolución de oficio, de todas as contías ingresadas polas persoas afectadas en concepto de IRPF.
Emigrantes Retornados A Mariña