Mondoñedo, 11 de xuño de 2016.- O Concello de Mondoñedo ten contabilizados un total de 32 inscritos no Concurso de Ornamentación de Balcóns que promove por primeira vez o equipo de Goberno, e que se desenvolverá ao longo dos meses de xuño, xullo e agosto.
O concelleiro responsable deste certame, Alberto García, salientou a boa acollida que tivo esta actividade “que serve para dar cor e embelecer a nosa cidade a través dos tradicionais balcóns, propios da fisionomía do casco histórico mindoniense. Deste xeito, engade, conseguimos que cada veciño participante se implique en manter vivo o noso casco histórico, á vez que serve como aliciente para o turismo”.
García Fernández precisa que existen aínda máis vivendas que se animaron a decorar as súas fachadas con elementos florais, pero que decidiron non participar no concurso de maneira oficial, un xesto que valora enormemente, xa que “podemos estar a falar de preto de medio centenar de vivendas as que van estar engaladas”.
O xurado
Tamén vén de ser elixido o xurado cualificador do concurso que estará composto por profesorado do ciclo de formación profesional, nos módulos de xardinería, do IES San Rosendo, así como por unha arquitecta e varios representantes de asociacións culturais de Mondoñedo.
O xurado fará visitas periódicas ao longo destes meses para ver a evolución e valorará o grao de conservación das flores, o acompañamento de soportes e macetas, elementos decorativos, variedade florística e cromal, elementos dos que obterá a puntuación final.
O concurso será fallado a principios de setembro.